Adán subliña que o colexio público de Navia é “un bo exemplo” dos incumprimentos de Feijóo en ensino

Adán subliña que o colexio público de Navia é “un bo exemplo” dos incumprimentos de Feijóo en ensino

 A candidata número 2 da lista do BNG por Pontevedra, Carme Adán, salientou este venres que a situación do CEIP Afonso Castelao, no barrio vigués de Navia, é un bo exemplo dos incumprimentos de Feijóo a respecto da educación pública. Nun encontro que mantivo coa directiva da ANPA, e no que tamén participou a concelleira Iolanda Veloso, Adán asegurou que eses incumprimentos se refiren tanto aos recortes no profesorado, incluído o de apoio, nas axudas e nas infraestruturas.

Neste sentido, a candidata nacionalista lembrou que no Parlamento galego, o PP votou a ampliación e cobertura do patio deste centro escolar “incluso levando eles mesmos a iniciativa, que nós a apoiamos”, apuntou. Porén, sinalou que cando o BNG demandou que se cumprira esa promesa do Partido Popular, “dixéronnos que non se podía porque non había cartos, cando si hai cartos para propaganda como a que Feijóo fixo sobre o hospital de Vigo”, apuntou.

“Despois de tres anos e medio, a educación pública galega pende dun fío por culpa de Feijóo”, denunciou Carme Adán, para quen os recortes en ensino supoñen “hipotecar a educación de hoxe e hipotecar o futuro dos nenos e nenas e da nosa sociedade”. Nesta liña, asegurou que é fundamental acabar con ese discurso dos recortes, “porque os recortes na educación pública nos hipotecan a todos e todas nós”.

Facerlles frente

Came Adán afirmou que nesta campaña electoral están en xogo os dereitos básicos, e un deles é a educación. “Por iso dende o BNG queremos facerlles frente a aqueles que queren recortar no ensino público, porque o ensino público é a única garantía que temos para que nenos e nenas poidan vivir nunha sociedade con igualdade de oportunidades”, defendeu. De non ser así, advertiu do risco de ter un un ensino de élites e un ensino residual para uns poucos “tal e como quere o Partido Popular”.

A nacionalista puxo de manifesto que o barrio de Navia, que xa ten máis de 9.000 familias, so conta con un colexio público e non ten instituto de secundaria. “Por isto demandamos de Feijóo, que fai todos os actos pechado en hoteis, que se desprace pola cidade e que vexa como ten o ensino público nesta cidade, discriminado e cun gran retroceso nestes tres anos e medio”, concluíu.

Adán subliña que o colexio público de Navia é “un bo exemplo” dos incumprimentos de Feijóo en ensino