Ana Miranda acusa a Ana Pastor e a Pepe Blanco de “deixar tirado” o Porto de Vigo

Ana Miranda acusa a Ana Pastor e a Pepe Blanco de “deixar tirado” o Porto de Vigo

A cabeza de lista do BNG explica que a propia Comisión Europea informou hoxe mesmo de que a autoestrada do mar Vigo-Nantes non terá autorización para operar antes de 5 ou 6 meses como mínimo

“Queremos volver a estar no Parlamento Europeo para loitar para que o peirao vigués reciba o maior investimento da UE”, dixo Ana Miranda

 

Ana Miranda reunión porto Vigo ARVI2 (16-5-14)Vigo, 16 de maio 2014.- A candidata do BNG ás eleccións europeas do 25 de maio, Ana Miranda, acusou hoxe a Ana Pastor e a Pepe Blanco de vir agora os dous a Vigo, en campaña electoral, a “botar as redes para tentar pescar uns votos” despois de “deixar tirado” o Porto de Vigo nesta lexislatura no Parlamento Europeo ao deixalo fóra como Porto Nodal da Unión Europea.

No transcurso dunha reunión no porto do Berbés coa Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), a cabeza de lista do Bloque dixo que “o BNG foi o único que defendeu esta lexislatura na Eurocámara a inclusión do Porto de Vigo na Rede Transeuropea de Transportes mentres os eurodeputados do PP e do PSOE votaban para incluír o porto de Tenerife e deixar fóra o de Vigo”, denunciou.

Ana Miranda explicou ademais que “a ministra de Fomento quere facer crer que a autoestrada do mar entre Vigo e Francia é xa unha realidade”, cando “de momento non pasa de proxecto”. A candidata do Bloque deu a coñecer que esta mesma mañá falou directamente coa Comisión Europea para saber de primeira man o resultado da xuntanza celebrada onte en Bruxelas en relación a este asunto e explicou que a xuntanza de onte en Bruxelas foi unha reunión “meramente técnica” e, polo tanto, “non resolutoria”, aclarou a cabeza de lista do BNG desmentindo a Ana Pastor.

Neste momento a Comisión Europea está avaliando internamente as convocatorias de axudas presentadas polos distintos Estados membros. Trátase de momento dunha avaliación técnica da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea xunto co Comité Financieiro dos Estados Membros. “Pero a día de hoxe non hai unha lista definitiva das autoestradas do mar europeas. Antes de verán non estará aprobada a lista definitiva por parte da Comisión e o paquete conxunto ten que ir logo ao Parlamento Europeo, que dará luz verde ou non á lista. Chegará en setembro ao Parlamento Europeo, polo que é difícil que antes de fin de ano estea aprobada a autoestrada do mar Vigo-Nantes”, aclarou Ana Miranda, que acusou a Ana Pastor de “vender a pel do oso antes de cazalo”.

O BNG quere estar no Parlamento Europeo cando se decida sobre o Porto de Vigo

Neste sentido, a candidata nacionalista lembrou que o BNG foi “o único que defendeu o Porto de Vigo desde o primeiro ao último minuto na Eurocámara”, onde os votos en contra de PP e PSOE na Comisión de Infraestruturas do Parlamento Europeo de decembro de 2012 “terminaron por acabar coas opcións do Porto de Vigo”, nunha votación na que, sen embargo, logrou entrar na categoría de infraestrutura principal o Porto de Tenerife, “cos mesmos votos dos mesmos eurodeputados do PP e PSOE que lle deron as costas a Vigo”.

Agora que o mapa de portos nodais da UE está pechado ata 2020, subliña Miranda, a opción real é acadar o maior financiamento posible para o porto olívico impulsando a autoestrada do mar que integraría ao peirao vigués, tendo en conta que estas infraestruturas tamén teñen categoría de principais no deseño europeo das redes de transporte e, polo tanto, aceso a investimentos. O orzamento total é de 350 millóns de euros de euros para o conxunto de portos incluídos nas autoestradas do mar europeas.

“O BNG traballará na Eurocámara desde o primeiro momento da próxima lexislatura para que, o proxecto de autoestrada do mar que cruza desde Alxeciras-Vigo-Nantes-Saint-Nazaire, obteña o máximo investimento posible. Por iso queremos estar no Parlamento Europeo na vindeira lexislatura”, afirmou Ana Miranda. “O demais, o que están a facer o PP e o PSOE, son gañas de cubrir a súa incompetencia co Porto de Vigo nesta lexislatura con enredos”, subliñou a cabeza de lista do BNG.

A importancia do Porto

Ana Miranda pedíu que se teña en conta na futura distribución de fondos da Unión Europea a importancia do complexo mar-industria do porto de Vigo e o impacto socioeconómico que ten para unha cidade coma Vigo e para Galiza no seu conxunto. “Vigo é o primeiro porto en pesca fesca de Europa”, destacou a cabeza de lista do Bloque, que apostou por “valorizar a materia prima da pesca, que é un sector que pode crear moito valor engadido e emprego”.

“A pesca xógase todo en Bruxelas e o Porto de Vigo xógase parte do seu futuro no Parlamento Europeo na vindeira lexislatura”, afirmou Ana Miranda, que dixo que “a pesca non pode ser unha moeda de cambio, como moitas veces se usou por parte do Goberno español nas negociacións en Bruxelas”, criticou.

O BNG comprométese a seguir sendo “a voz do sector pesqueiro galego en Bruxelas como sector estratéxico para o noso país, para defender na Unión Europea a sustentabilidade social, económica e medioambiental da pesca, como fixemos todos estes anos dende o Parlamento Europeo”, prometeu Ana Miranda.

 

Ana Miranda acusa a Ana Pastor e a Pepe Blanco de “deixar tirado” o Porto de Vigo