Aymerich alerta da degradación das condicións de traballo en Renfe e Adif tras a súa privatización

Aymerich alerta da degradación das condicións de traballo en Renfe e Adif tras a súa privatización

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, alertou hoxe en Vigo sobre as consecuencias da privatización encuberta de Renfe e Adif. “Con esta decisión o PP persegue dous obxectivos básicos, como son a degradación das condicións de traballo de Adif e Renfe, porque se rompe o poder sindical, e a aplicación dunha política franquista, entendida como o que facía nesa época o vello INI”, destacou Aymerich tras a xuntanza celebrada en Vigo cos comités de empresa de Renfe e Adif, e na que tamén participaron Carme Adán, número 2 da lista, e a deputada no Parlamento estatal, Olaia Fernández Davila.

O candidato nacionalista explicou que o sentido desta reunión era coñecer a valoración feita por estes colectivos das decisións tomadas polo goberno central a respecto deste “patrimonio público”, ao contemplar a división de Renfe en dúas empresas e Adif en catro. “Estamos totalmente en contra de estas medidas que o PP chama de liberalización dos servizos públicos e de dividir as empresas públicas para vender a parte rendible”, subliñou. Indicou, neste sentido, o sucedido noutros sectores, como o eléctrico e o da telefonía, nos que “nós non vemos vantaxes e os consumidores tampouco”.

Ao servizo do país

Fronte a esta situación, Aymerich salientou que no BNG “defendemos un servizo público ferroviario que estea comprometido con este país”. Aymerich subliñou ademais que Galiza debe contar con servizos ferroviarios que xa teñen outros lugares do Estado dende hai décadas, como son Asturias, Euskadi, Cataluña, Aragón, Valencia, Andalucía e Madrid. “Hainos en lugares con bastante menos poboación que en Vigo”, indicou.

O cabeza de lista pola provincia de Pontevedra lembrou que cando o BNG reclama este servizo sempre recibe a resposta de non hai demanda. “Como vai a haber demanda se non hai o servizo, e iso ben o sabe Olaia Fernández”, apuntou ao respecto. Por outro lado, advertiu de que “non queremos que se nos eliminen servizos coa escusa de que non son rendibles” e de que se marquen “prezos disuasorios” nun momento no que baixa o poder adquisitivo das familias.

Aymerich alerta da degradación das condicións de traballo en Renfe e Adif tras a súa privatización