Aymerich: “O BNG fai campaña a pé de rúa, fomentando a participación da cidadanía"

Aymerich: “O BNG fai campaña a pé de rúa, fomentando a participación da cidadanía"

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, destacou este sábado que o Bloque fai campaña a pé de rúa, fomentando a participación cidadá na vida política. Nun acto público celebrado no barrio do Calvario, no que participaron tamén Carme Adán e Santi Domínguez, o nacionalista defendeu que o BNG “si pode cambiar a situación de Galiza, como única alternativa nacionalista e de esquerdas que pode frear a política de recortes do PP”.

Carlos Aymerich fixo referencia ás persoas que se sinten desencantadas da política e dos políticos e asegurou entendelas porque son “xente que se sinte enganada polo PP e polo PSOE, porque pensaron que uns e outros podían cambiar as cousas”, indicou. “Esa xente sinte que o contrato e a seguridade que tiña na súa vida desapareceu. Contábannos que se a xente se esforzaba e aforraba tería unha vellez tranquila, pero agora ven como os seus aforros están estafados nas preferentes e os aforros, coa subida do IVE e o IBI, non chegarán a nada”, explicou.

Precisamente o nacionalista alertou do risco que corren as pensións e os servizo públicos a partir do 21 de outubro se continúa gobernando o PP, así como do risco de que aumente a emigración da xente moza por falta de traballo. Neste sentido, Aymerich apuntou que “non se pode agardar sentando na casa a que ningúen nos regale as cousas” e defendeu que as pensións, a sanidade e o ensino público, así como os servizos sociais “non foron regalos de ninguén, senón o resultado de décadas de loita e reivindicacións”.

O candidato asegurou que eses dereitos sociais “non pasan dunha xeración a outra, senón que cómpre que  cada xeración e cada pobo ten que loitar por manter e mellorar eses dereitos”. Como forza política que sempre se mantivo a vangarda na defensa dos dereitos sociais e laborais, Carlos Aymerich defendeu que efectivamente o voto pode cambiar as cousas, especialmente se se concentra no BNG como “única foza nacionalista e de esquerdas que pode facerlle frente ás políticas de recortes do PP”.

Carme Adán

A número 2 do BNG pola provincia de Pontevedra salientou que non todos os políticos e políticas son iguais e recordou que no mesmo espazo de hoxe, no Calvario, os nacionalistas explicaron por que se opuxeron á reforma laboral, así como en contra do expolio da banca e na defensa da banca pública. “Non todos somos iguais e nós estamos aquí todos os días para defender os intereses dos galegos e galegas todos os días”, destacou.

“Defendemos a rúa e na rúa falamos”, dixo Carme Adán, quen salientou que o BNG sae á “praza pública” para explicar as súas propostas, fomentando a participación cidadá na política “fronte a outros que van a sitios pechados”, manifestou.

Asegurou que o goberno de Feijóo foi “unha decepción para Vigo”, en tanto que é a cidade na que máis medra o paro, na que máis comercios se pecharon e na que Feijóo quere aplicar a privatización da sanidade e dos servizos públicos. “Non queremos que o novo hospital de Vigo sexa privado, e o compromiso do Bloque Nacionalista Galego queda claro se chegamos ao goberno: será rescatado e será un hospital público”, subliñou.

“Nós o que non faremos será aforrar uns poucos euros quitándollos aos comedores escolares”, dixo en referencia ao recorte da Xunta na achega a Foanpas. Por iso defendeu que Galiza ten un goberno “absolutamente insensible, porque lle quita máis a quen menos ten”. Destacou que o BNG quere facerlle frente ao PP e “ás súas políticas que só traen desemprego e pobreza e porque cremos neste país”. Nesta liña asegurou que o compromiso do Bloque é sempre “compromiso coa xente e con  Galiza, para poder gobernar a propia terra e que os nenos e nenas poidan vivir nela dignamente”.

Santi Domínguez

“Hoxe puidéxedes ver unha ministra do goberno central e eu vos reto a que dentro de 4 anos me digades cantas veces veñen a pasear nesta zona”, sinalou o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, en referencia á visita da ministra Ana Pastor, ao tempo que indicou que hai quen vén unicamente durante periodos electorais a pedir o voto mentres durante o resto do tempo “esquécense dos problemas da cidadanía”.

O nacionalista asegurou que o 21 de outubro non pode haber nin un só voto para Feijoo e para o Partido Popular “porque nos enganou unha e outra vez”. Lembrou que Feijóo dixo que en 45 días dixo que acabaría co problema do paro no país, mentres que na actualidade hai 113.000 desempregados e desempregadas máis. Recordou asemade que por culpa de Feijóo os maiores teñen que pagar os medicamentos, mentres que os pais e nais teñen que pagar os libros de textos dos seus fillos e fillas.

“Os galegos e galegas merecémonos algo mellor, e podemos cambiar as cousas, podemos soñar e ter confianza, ao igual que hai dez anos soñaron os veciños e veciñas desta zona, cun Calvario para a cidadanía, paseando pola súa rúa, e o BNG fixo realidade ese sono”, rematou  Domínguez.