Aymerich: “García Costas non ten credibilidade e Feijóo ten que amosar os contratos con Pemex"

Aymerich: “García Costas non ten credibilidade e Feijóo ten que amosar os contratos con Pemex"

Carlos Aymerich, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, en resposta ás preguntas dos medios, destacou hoxe que García Costas non ten ningunha credibilidade en relación aos contratos con Pemex, e que de existir eses contratos, é Feijóo quen debe colgalos na web da Xunta.

“O señor García Costas quen é? É o señor que ten concedidos máis 60 millóns de créditos de Caixanova? Pois entón eu moito crédito non lle dou, porque non sei se fala el ou falan os créditos que lle ten concedido o señor Castellanos”, manifestou o candidato nacionalista nun reparto de información do BNG no que tamén participou o portavoz nacional, Guillerme Vázquez.

Carlos Aymerich asegurou que “dúbidas hai moitas, receitas poucas e credibilidade de Feijóo nula”. Neste sentido lembrou que o candidato do PP dixo na anterior campaña que ía haber coches eléctricos e que se ían construír en Melón “e aínda non vin ningún”. Recordou asemade que a Plisan acollería a fábrica de baterías eléctricas “e aínda non vin ningunha”, polo que asegurou que “cando vexa os barcos ou os contratos, creereino”.

O candidato do BNG salientou que Feijóo ten que aclarar, “e non García Costas”, se eses contratos “existen de verdade ou non, e se existen colgalos na web da Xunta, como estan pedindo en México”. Ao respecto indicou que onte en Mexico o PRI, o partido gañador das eleccións, reclamou ao Senado mexicano tamén esa información.

Aymerich apuntou, ademais, que para que os contratos se produzan “non só contratos virtuais en campaña electoral”, primeiro cómpre resolver o tax lease. “Aínda que tiña que estar resolvido, estamos á espera”, apuntou.

Contra o modelo Eurovegas

Por outra banda, Aymerich fixo referencia ao “auténtico desembarco en Vigo por terra mar e aire de cargos do PP”. Ao seu xuízo, se o PP desembarca en Vigo “será porque sabe que aquí se xoga a sua maioría e que a concentración dos votos nacionalistas e de esquerdas no BNG pódelle facer perder a marioría”.

Asegurou que frente ao modelo de defensa dos traballadores e traballadoras deste país do Bloque Nacionalista Galego, Esperanza Aguirre veu onte a vender o modelo de Eurovegas. “Ese modelo, sobre o que o propio goberno chinés protestou polas condicións laborais é o modelo que quere o PP para Galiza”, criticou o nacionalista

“Nós desde logo o modelo Eurovegas non o queremos aquí. Non queremos empresas que persigan aos sindicatos, non queremos empresas que impñan condicións indignas aos traballadores e non queremos empresas que branquean cartos”, asegurou. Pola contra, subliñou que o BNG quere “traballo digno, traballo con dereitos e traballo no naval, na industria, e a automoción”. Deste xeito, ao seu xuízo, o día 21 hai que escoller “entre o modelo Eurovegas do PP ou o modelo de defensa dos traballadores e traballadoras do BNG”.

Guillerme Vázquez

O portavoz nacional, na súa visita ao barrio de Teis, emprazou a todos e todas os galegos e galegas a votar BNG como “única alternativa sólida, somos a única forza política cun proxecto alternativo de país”, tendo en conta que Galiza precisa “un cambio de rumbo que permita superar as dificultades”.

Guillerme Vázquez fixo un chamamento para que os galegos e galegas aproveiten a “magnífica oportunidade para decidir se se aposta por máis do mesmo, ou polo cambio de rumbo que precisa o país”. “Estamos dispostos, e xa o temos demostrado”, continuou, “a partirnos a cara por Galiza”, concluiu.

Aymerich: “García Costas non ten credibilidade e Feijóo ten que amosar os contratos con Pemex"