Aymerich: "O modelo xudicial que impulsa o PP, que inclúe as novas taxas, non é xustiza"

Aymerich: "O modelo xudicial que impulsa o PP, que inclúe as novas taxas, non é xustiza"

Carlos Aymerich, cabeza de lista BNG por Pontevedra, e Carme Adán, número 2 da candidatura, defenderon este mércores a aposta do BNG polos servizos públicos, inclúidos os xudiciais. Neste sentido Aymerich subliñou o rexeitamento do BNG ás novas taxas xudicias e advertiu que o modelo que impulsa o PP “non é xustiza” xa que fará que as persoas afectadas busquen “solucións extraxudiciais” ao non poder aboar as taxas.

“O BNG está totalmente en contra das novas taxas xudiciais. Estes servizos teñen que ser sufragados vía impostos”, salientou Aymerich nun encontro mantido en Vigo con traballadores e traballadoras xudiciais e no que o candidato e candidata nacionalista explicaron as propostas de goberno do Bloque.

Carlos Aymerich destacou o compromiso do BNG cos servizos públicos e sinalou que a ofensiva do Partido Popular contra cos traballadores públicos “vai na liña do PP pola privatización dos servizos públicos como sanidade e educación, pero tamén da xustiza a través das taxas xudiciais disuasorias que pretenden implantar”.

Poder adquisitivo

“Dixémoslle tamén que a partir do día 21 contan co Bloque Nacionalista Galego para reestablecer o poder adquisitivo perdido, para dignificar as súas condicións de traballo”, explicou o líder nacionalista. Nesta liña sinalou que a aposta polos servizos públicos é tamén para o BNG “unha vía de creación de postos de traballo”.

O candidato considerou que para o BNG “non só pensamos que sobran servidores públicos, senón que faltan no ámbito da dependencia, no ensino, na sanidade e nos servizos sociais” para dar desposta ás necesidades da cidadanía nestes ámbitos prioritarios para o Bloque. “O BNG reclama as competencias en materia xudicial mentres o PP afasta os servizos da cidadanía”, asegurou.

Comentou asemade a preocupación dos traballadores públicos polo “ruxe ruxe do rescate inminente”, xa que tanto se é un rescate “virtual como real traerá condicións”. Indicou que eles son “perfectamente conscientes de que as condicións que vai pactar o PP ou que vai impoñer Bruxelas co beneplácito de Feijóo e Rajoy serán novos recortes no ámbito das retribucións, dos servizos públicos e das pensións”.

Desembarco do PP

Segundo indicou Aymerich, outro dos aspectos comentados na xuntanza foi o “desembarco de ministros, exministros e altos cargos do Partido Popular”, en referencia a visita onte de Ana Pastor e Gallardón e hoxe de Esperanza Aguirre. “Non sabemos se vai presentar as súas propostas para o pequeno comercio en forma de liberalización de horarios ou de creación de complexos como Eurovegas”, comentou ao respecto.

“Si coincidimos en que se tanto desembarco hai é porque non deben ter moi claras as cousas e en Pontevedra se debe estar xogando o goberno de Galiza”, engadiu.

Carme Adán

A número 2 do BNG por Pontevedra criticou os incumprimentos de Feijóo en Vigo en materia xudicial. “Non entendemos como é posible que neste momento Vigo non conte xa coa cidade da xustiza”, comentou. Ademais expresou o compromiso do BNG para acadar un acordo entre o Concello de Vigo e a próxima Xunta de Galiza para que se constrúa o edificio. “Temos os terreos, temos o proxecto, e o noso compromiso é que a cidade da xustiza se faga dunha vez”, asegurou.

Aymerich: "O modelo xudicial que impulsa o PP, que inclúe as novas taxas, non é xustiza"