O Bloque denuncia a intención do Sergas de pechar as camas de Xinecoloxía do Chuvi durante o verán

O Bloque denuncia a intención do Sergas de pechar as camas de Xinecoloxía do Chuvi durante o verán

  • Carme Adán demanda ao goberno galego que xestione as substitucións necesarias para o mantemento do servizo

  •     Iolanda Veloso reclama explicacións sobre a non substitución da xuíza de violencia de xénero

A deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, denunciaron os graves recortes que o goberno galego ten previsto executar na comarca de Vigo a través do Sergas. Así, alertaron do peche das camas da pranta de Xinecoloxía do Hospital Xeral, o Meixoeiro e o Nicolás Peña durante os meses de xullo, agosto e setembro, tal e como comunicou o novo xerente do Chuvi pasado venres.

“Vendo as listas de agarda podemos comprobar como Vigo está a cabeza de toda Galiza, e fronte a esta situación o xerente do Chuvi comunica aos sindicatos que vai haber peche de camas en Xinecoloxía nos meses de verán”, salientou Carme Adán.

A deputada do Bloque explicou que segundo o novo xerente do complexo hospitalario argumentou que as camas se pecharán porque non se susbtituirá o persoal. “É imposible que un xerente responsable diga que non se pode substituir persoal cando a lista de agarda sigue aumentando”, criticou a deputada.

Aumento do tempo de agarda

Carme Adán denunciou que o periodo de agarda no Chuvi aumentou en 18 días, ao pasar de 69,3 días segundo datos de decembro de 2012 a 87,1 a data de 31 de marzo. Ademais, na especialidade de Xinecoloxía tamén subiu o tempo de agarda, ao pasar de 49,8 a 63,4 días de media.

“Acaso pensa o goberno galego que as mulleres viguesas non poden enfermar durante o verán”, ironizoua deputada nacionalista, quen salientou que o Bloque xa presentou unha proposición non dei para que o goberno galego realice todas substitucións necesarias para que non se produza o peche de camas en Xinecoloxía.

Reclamación de explicacións

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, demandou explicacións de por que queren pechar precisamente camas en Xinecoloxía, que é a primeira vez que se fai. Asemade, reclamou que se explique por que non se substitúe a xuiza de violencia de xénero. “Sería o colmo que nos deran razóns de aforro económico para non facer estas substitucións”, subliñou.

Novo hospital

Por outro lado, Veloso, denunciou a consecuencia “máis grave” dos recortes sanitarios en Vigo é a privatización do novo hospital, “que cada día aparece máis minguado”. Segundo destacou a portavoz nacionalista, “no BNG temos claro que ese hospital non vai atender as necesidades da nosa cidade”.

Iolanda Veloso criticou que “fronte a esta situación desde o Sergas se toman medidas que agravan a situación da cidade”.

 

O Bloque denuncia a intención do Sergas de pechar as camas de Xinecoloxía do Chuvi durante o verán