O Bloque esixe un “compromiso real” do Estado nas negociacións para que Vigo sexa porto nodal

O Bloque esixe un “compromiso real” do Estado nas negociacións para que Vigo sexa porto nodal

O futuro do Porto de Vigo como infraestrutura nodal nas redes europeas de transporte está en mans das negociacións a tres bandas entre a Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo a través dos denominados trílogos. Neste debate, o BNG reclama "compromiso político real" ao Goberno español para que “presione" aos seus homólogos dos Estados membros no Consello que, neste semestre, están representados por Irlanda.

Tras a reunión do primeiro destes trílogos o pasado 20 de febreiro, o BNG, a través do seu Grupo Verdes/ALE, sumouse á defensa da inclusión do Porto de Vigo na rede principal, para toparse coa oposición tanto dos representantes da Comisión como do Concello.

"Sabemos que o Executivo comunitario manterá a súa posición, pero o Estado español debe facer a presión política necesaria entre o resto dos Estados membros para conseguir mover a postura do Consello e que este se sume ao Parlamento na defensa de incluír ao Porto de Vigo na rede nodal", explicou en rolda de prensa a eurodeputada nacionalista Ana Miranda.

Neste sentido, a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández, avanzou que mañá mesmo a Comisión de Fomento responderá á pregunta formulada polo Bloque sobre as xestións e a estratexia desenvolvida polo Estado español para conseguir que a dársena viguesa entre na primeira división das infraestruturas na Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) 2014-2020.

Esta iniciativa que vén coincidir coa segunda reunión dos trílogos en Bruxelas, "que nos vai permitir comprobar se estamos avanzando e se o Estado está facendo a parte de traballo que lle corresponde, sen limitarse a meras declaracións de intencións ou escudarse en erros pasados de Gobernos precedentes", salientou Miranda.

Emenda no Parlamento

A eurodeputada explicou que o calendario das negociacións nos trílogos se prolonga ata maio. En caso de que se conclúan sen acadar o obxectivo pretendido, "queda a opción de presentar unha emenda en Plenario solicitando que o Porto de Vigo sexa infraestrutura principal". Miranda adiantou que o BNG presentará esa emenda e que conta co apoio dos 59 votos do seu Grupo Verdes/ALE.

"A posición irrenunciable do BNG é que o Porto de Vigo ten que ser unha infraestrutura principal dentro das redes europeas, pero non podemos conseguilo sos", salientou Miranda, que reiterou a necesidade de "sumar esforzos políticos" co PP e PSOE para presenta "unha defensa común" no Parlamento Europeo "se falla a vía dos trílogos".

Na comparecencia, tanto a portavoz municipal, Iolanda Veloso, como a deputada Carme Adán salientaron o traballo político do BNG en defensa do Porto en todas as institucións, o que contrasta coa posición de PP e PSOE "relegando" a Vigo fronte a outras infraestruturas do Estado. "Iste feito non se pode pretender contrarestar co parié político de presentar unha iniciativa na Cámara galega dous anos despois de iniciarse as negociacións da RTE-T e cando estamos en tempo de desconto", denunciu Adán.

As categorías da RTE-T

A Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) recolle a folla de ruta en materia de infraestruturas marítimas, ferroviarias, aéreas e por estrada para os vindeiros anos, que quedan divididas en dúas categorías, a global ou xeral e a principal ou nodal. Estas últimas acaparan o 85% dos fondos, -50.000 millóns de euros-, e deben estar executadas antes 2030. As incluías na categoría global, reciben un 15% do orzamento e a súa execución pode demorarse ata 2050.

O Bloque esixe un “compromiso real” do Estado nas negociacións para que Vigo sexa porto nodal