O Bloque insta a construír o túnel de Xulián Estévez para mellorar a mobilidade no litoral de Vigo

O Bloque insta a construír o túnel de Xulián Estévez para mellorar a mobilidade no litoral de Vigo

Serafín Otero salienta que este é un exemplo de que ao PP e ao PSOE “non lle interesan realmente facer investimentos na cidade”

 

Sera Otero declaraciónsVigo, 11 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, subliñou a necesidade de executar infraestruturas que faciliten a mobilidade na cidade, como acontece no caso do túnel de Xulián Estévez. “Que pasaran 7 anos do acordo da Xunta e o Concello e o túnel estea sen construír amosa que ao PP e ao PSOE non lle interesan realmente as melloras para Vigo”, manifestou ao respecto.

Serafín Otero explicou que a este túnel está recollido no PXOM vixente e a súa construción foi acordado no 2008 entre a Xunta e o Concello de Vigo, co obxectivo de repartirse os custes da infraestrutura, de forma que o proxecto debería elaboralo o Concello e a execución debería correr a cargo da Xunta.

“O concello retirou o proxecto dos orzamentos municipais baixo a escusa de que a Xunta non demostrara interese en construílo, mentres que a Xunta argumentou á inversa: que o Concello non tiña feito os deberes”, sinalou en referencia a que o PP retirou o proxecto dos orzamentos galegos correspondentes ao 2013.

Para o candidato nacionalista resulta “cando menos curioso” que o concello retirara o proxecto despois de que Urbanismo recibise máis de 20 propostas para a construción do túnel. “É tamén moi curioso que retirase o proxecto cando é evidente que melloraría notablemente o tráfico nunha zona tan conxestionada”, manifestou.

Discurso vitimista

“A non construción desta infraestrutura é un exemplo de que o cruce de acusacións entre o PP e o PSOE prexudica á cidade”, criticou Otero, para quen “é evidente que esas mutuas acusacións encobren os intereses comúns de non investir en Vigo”.

Segundo denunciou o candidato do BNG “a uns vailles moi ben co discurso vitimista e os outros aforran cartos para investilos onde queren e cren que lles resulta mais rendible economicamente”.

Coherencia do Bloque

O candidato nacionalista lembrou asemade que en xaneiro de 2012 o Concello de Vigo aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG que instaba á Xunta de Galiza e o Concello á execución inmediata dos compromisos adquiridos no convenio asinado entre ambas administracións.

“O incumprimento desta moción amosa que nin o Partido Popular nin o Partido Socialista consideran rendible facer investimentos para mellorar a mobilidade en Vigo”, destaca Serafín Otero, para quen pola contra, o BNG seguirá insistindo coherentemente na necesidade de construír esta infraestrutura.

“No Bloque consideramos que é fundamental o túnel de Xulián Estévez porque é unha ferramenta para mellorar o barrio de Teis”, defendeu, xa que ao seu xuízo permitiría canalizar o tráfico desde o porto ata a saída de Vigo e desconxestionaría o tráfico en Sanjurjo Badía.