O BNG acada o respaldo unánime do pleno para que o goberno subrogue o persoal das escolas municipais

O BNG acada o respaldo unánime do pleno para que o goberno subrogue o persoal das escolas municipais

Iolanda Veloso subliña que a administración local debe garantir a estabilidade laboral e a calidade dos servizos que presta

 

pleno abrilVigo, 27 de abril de 2015.- O pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG que insta ao goberno local a subrogar os postos de traballo das escolas infantís municipais, en concreto Atalaia, Santa Cristina e Costeira, que teñen que saír a concurso proximamente. Na defensa da iniciativa, a portavoz municipal Iolanda Veloso salientou que se trata dun “servizo especialmente sensible”, xa que se refire ao persoal que atende a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

“Queremos garantir que van ter continuidade nos seus postos de traballo porque o recoñecemento social e salarial que merecen é maior co que reciben”, asegurou Iolanda Veloso, quen ademais asegurou que o BNG “apoia todas as reclamacións laborais das traballadoras das escolas municipais”.

Na súa intervención, a portavoz do Bloque destacou que a subrogación do emprego depende da vontade política do equipo de goberno, polo que o grupo nacionalista aceptou unha emenda de engádega do grupo socialista na que aseguraba ter esa vontade política. “Aceptamos a emenda porque recolle a exposición de motivos da nosa moción”, asegurou ao respecto.

A moción aprobada reclama ao alcalde que inclúa a cláusula de subrogación dentro do prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo da súa xestión, co obxectivo de manter os postos de traballo. Segundo destacou Iolanda Veloso, a administración local debe dar exemplo garantindo a estabilidade laboral e o mantemento dos postos de traballo e dos dereitos das traballadoras, así como a calidade dos servizos que presta.

A voceira nacionalista indicou que aínda que a nova lei de contratación que permite non contempla a subrogación do persoal, facelo é “perfectamente legal”. Neste sentido explicou que noutros concellos xa se está facendo, como en Boqueixón, Becerreá, ou nas escolas que dependen do Consorcio Galego de Servizos Socias, en Coristanco e O Pino.

Tarxetas de aparcamento

No apartado de Rogos, Iolanda Veloso instou ao goberno local a estabelecer un protocolo na concesión das tarxetas de aparcamento para as persoas con discapacidade. Ademais, Iolanda Veloso preguntou polo programa de actividades correspondente ao 17 de maio, e Santi Domínguez pola tramitación das axudas sociais que aínda non se puxeron en marcha. Ámbalas dúas cuestións quedaron se contestar por parte do alcalde.