O BNG acusa a PP e PSOE de deixar caer o Porto de Vigo da Rede principal Transeuropea de Transporte

O BNG acusa a PP e PSOE de deixar caer o Porto de Vigo da Rede principal Transeuropea de Transporte

Ana Miranda denuncia a ineficacia do ministro socialista José Blanco e da ministra Popular Ana Pastor

Iolanda Veloso critica o silencio do alcalde e a súa falta de xestión co seu propio partido

rolda porto nodal Miranda Veloso

A secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, e a portavoz municipal, Iolanda Veloso, denunciaron que definitivamente o porto de Vigo queda excluído como porto nodal da Rede Transeuropea de Transportes. Segundo criticaron as nacionalistas tanto PP como PSOE “deixaron caer” o Porto vigués pola ineficacia do ministro José Blanco e da titular actual de Fomento Ana Pastor.

“Denunciamos o enorme engano á cidadanía que teñen as actuacións dos sucesivos gobernos de PSOE e PP por non incluír o Porto de Vigo na rede principal de transporte”, manifestou Ana Miranda, quen criticou asemade que o PP “tampouco presionara o suficiente nos últimos meses para incluílo tamén nos trílogos”.

Ademais de criticar que ambos gobernos “deixaron caer” o porto vigués da rede principal, Ana Miranda denunciou que “agora xa non hai posibilidade de emendalo, posto que no plenario previsto do 18 ao 21 de novembro “o procedemento pecha calquera posibilidade de votación”. Segundo explicou, votaranse os acordos dos trílogos “en bloque”, no que o Porto de Vigo non está incluído, polo que as emendas decaerán automaticamente.

“Aínda que PP e PSOE anuncien a presentación de emendas, isto será un engano, porque non se van poder votar”, denunciou a secretaria de Política Internacional do BNG, quen lembrou que o Bloque sempre traballou para que o Porto vigués fora considerado nodal en Europa. “Nós consideramos que Vigo ten que estar entre as principais redes, e non na secundaria”, asegurou.

Traballo do BNG

Precisamente como mostra do traballo feito polo BNG ao longo destes meses, Miranda destacou que a forza nacionalista xa conseguira o apoio de 59 eurodeputados para potenciar a infraestrutura viguesa. “Agora PP e PSOE que non digan que van facer lobby en Bruxelas cando xa non hai posibilidade formal de conseguir nada”, indicou.

Ana Miranda lembrou asemade as advertencias feitas polo BNG o pasado ano sobre “a necesidade de levar a cabo unha actuación de consenso na Eurocámara”, polo que considerou que aquela foi “unha oportunidade perdida polo desinterese de PP e PSOE”.

Silencio do alcalde

rolda porto nodal Veloso

A portavoz municipal do BNG, pola súa banda, lamentou que se perdera a oportunidade de obter para o Porto de Vigo a categoría de nodal e polo tanto de obter o financiamento correspondente, un “un impulso fundamental á economía da cidade”, segundo considerou. Neste sentido criticou o silencio do alcalde diante da discriminación de Vigo tanto por parte do PSOE como polo PP.

“Agora o alcalde non defende o Porto, quizais porque xa non é o seu presidente. Está completamente calado e non consegue nada do seu propio partido, xa que hai que recordar que foi o goberno do PSOE o que excluíu Vigo da rede principal de transporte”, subliñou Iolanda Veloso.

A responsable nacionalista lembrou que o alcalde impulsou considerar a Almunia como persoa non grata en Vigo pola decisión sobre a devolución do tax lease. “Que pensa facer agora con González Laxe ou os eurodeputados do PSOE?”, comentou ironicamente. “Sobre este tema está absolutamente calado pese a que é unha pésima noticia para a cidade”, criticou.

O BNG acusa a PP e PSOE de deixar caer o Porto de Vigo da Rede principal Transeuropea de Transporte