O BNG aposta pola loita a prol da igualdade e o aumento de recursos contra violencia de xénero

O BNG aposta pola loita a prol da igualdade e o aumento de recursos contra violencia de xénero

Serafín Otero e Vitoria Iglesias subliñaron a importancia de potenciar a participación e o protagonismo das mulleres, o desenvolvemento dun plan de emprego específico e a inclusión de cláusulas para garantir a igualdade nas contratacións municipais

 

propostas igualdadeVigo, 20 de maio de 2015.- O cabeza de lista do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, e a candidata 2, Vitoria Iglesias, presentaron as principais propostas do Bloque en materia de igualdade e defenderon que este debe ser un tema prioritario da axenda política e transversal en todos os departamentos do Concello de Vigo.

“No BNG somos conscientes de que a violencia machista é estrutural na nosa sociedade e que non se está facendo todo o posible para rematar con esta lacra”, destacou Serafín Otero, quen asegurou ademais que os recortes e a privatización dos servizos públicos “afectaron no recorte dos dereitos das mulleres”.

Segundo salientou o candidato nacionalista, no concello hai que poñer en marcha “todas as medidas posibles no plano da igualdade para que sexan efectivas”, tendo en conta que esta é a administración máis próxima aos cidadáns e cidadás.

Nesta liña, Vitoria Iglesias asegurou que é necesaria facer unha reflexión “porque a maioría da poboación pensa que a igualdade xa está acadada e coa idea de que as mulleres podemos acceder a calquera posto e se esconde a realidade de que as mulleres seguimos nunha situación de subordinación”.

Transversalidade

A candidata do Bloque mencionou ao respecto a situación no mundo laboral, así como a visión da muller como “coidadora”. “Para fomentar a igualdade é necesario un cambio social, un cambio de estruturas que permitan o cambio do modelo que identifica aos homes co mundo produtivo e ás mulleres co mundo privado”, explicou.

Vitoria Iglesias artellou as medidas de BNG – Asembleas Abertas en catro bloques, sendo o primeiro deles o relacionado co fomento da participación e protagonismo das mulleres. A creación de dous novos Centros de Información dos dereitos das mulleres, en Coia e no Calvario, e a elaboración do V Plan de Igualdade, coa participación dos colectivos de mulleres, son dúas das iniciativas que destacou.

Iglesias defendeu ademais fomentar a transversalidade da igualdade mediante o incremento do orzamento da concellería de Igualdade, pero tamén coa integración da perspectiva de xénero nos orzamentos e nas diferentes actuacións administrativas do Concello. “A cidadanía somos homes e mulleres e o concello ten que velar por que as políticas que se leven a cabo no concello contemplen esa realidade”, destacou, quen destacou que é responsabilidade do propio concello introducir a perspectiva de xénero nos orzamentos.

Fomento da corresponsabilidade

“Na situación na que estamos, de alto desemprego, outra das prioridades do BNG é fomento do emprego, e do emprego digno para as mulleres”, subliñou a candidata nacionalista. Neste sentido defendeu un “primeiro paso importantísimo”, que é fomentar da corresponsabilidade nas tarefas de coidado.

Considerou que a dobre función de ama de casa e coidadora e traballadora promove o traballo a tempo parcial das mulleres con menor salario polo que destacou a importancia de promover a corresponsabilidade e a creación de servizos de atención aos menores.

A posta en marcha dun plan específico de emprego para as mulleres, así como a inclusión de cláusulas para garantir a igualdade nas contratacións, subvencións e convenios municipais foron outras das dúas iniciativas que subliñou, así como o incremento das mulleres nos consellos de administracións dependentes do Concello.

Apoio especializado a nenos e nenas

“Por último, e non menos importante, pensamos que é vital redobrar os esforzos para poñer fin a violencia de xénero”, subliñou Vitoria Iglesias. “Sabemos que non é un problema puntual, polo que é necesaria a implicación de todas as institucións”, asegurou.

Defendeu que desde o Concello cómpre incrementar o apoio ás mulleres que sofren maltrato, mellorando a calidade e a cantidade dos servizos de atención que se prestan na actualidade. “Tamén hai que aumentar os servizos de apoio psicolóxico especializado para os nenos e nenas que presenciaron os episodios de violencia”, destacou, ao tempo que incidiu na importancia de desenvolver campañas de prevención da violencia, especialmente entre as mozas e os mozos “fundamentais para o cambio de mentalidade”.