O BNG defende a inclusión de todas as persoas fronte á insensibilidade do goberno de Feijóo

O BNG defende a inclusión de todas as persoas fronte á insensibilidade do goberno de Feijóo

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, subliñou que un aspecto básico do programa de goberno do Bloque refírese á inclusión “de todas as persoas ben sexa no eido educativo, sanitario ou laboral, fronte á insensibilidade do goberno de Feijóo”.  O nacionalista reivindicou o traballo realizado polo BNG en Vigo, cando participou no goberno da cidade, en relación á eliminación de barreiras arquitectónicas, así como o que se está realizando actualmente noutros concellos como o de Tomiño.

“O cumprimento das reclamacións de Cogami, é dicir, o cumprimento dos dereitos das persoas con discapacidade e a integración laboral, educativa e cultural” constitúe, segundo Carlos Aymerich, o marco fundamental no que se sitúan as propostas de goberno do BNG, tal e como explicou tras a xuntanza celebrada na sede viguesa de Cogami, na que participaron seu presidente provincial, Anxo Holquera, e a candidata número 2, Carme Adán.

A respecto da integración das persoas con discapacidade no eido educativo, incluíndo tamén o non obrigatorio, o candidato nacionalista sinalou dous aspectos básicos, como son a existencia de transporte adaptado e a interpretación da linguaxe de signos. “Cómpre impulsar a igualdade de oportunidades entre todos os galegos e galegas”, defendeu.

Aymerich, ademais, puxo de manifesto que a taxa de pobreza afecta especialmente ás persoas con discapacidade, chegando a superar o 50% as que se atopan no limiar da pobreza. “Por non falar das mulleres con discapacidade, que sofren unha dupla discriminación, por ser mulleres e por padecer discapacidade”, engadíu.

Precisamente neste eido da integración laboral, o candidato do BNG rexeitou as declaracións feitas pola conselleira de Traballo: “En contra do que di Mato, nós si cremos que as políticas activas de emprego xeran emprego”, asegurou.

Carme Adán

Nesta liña, a número 2 da lista do BNG destacou que o balance destes tres anos e medio de goberno do PP é “moi negativo” no tocante aos servizos sociais e a atención das persoas con discapacidade, que ao seu xuízo xenera “sen ningunha dúbida” máis desigualdade. Lembrou ao respecto os recortes realizados por Feijóo en ensino a respecto da atención de nenos e nenas con necesidades educativas especiais.

“O BNG quere unha Galiza con máis igualdade e máis inclusiva, independentemente dos recursos qe teñen as persoas”, destacou Adán.

O BNG defende a inclusión de todas as persoas fronte á insensibilidade do goberno de Feijóo