O BNG defende a urxencia dun plan de choque contra o desemprego xuvenil para evitar a súa emigración

O BNG defende a urxencia dun plan de choque contra o desemprego xuvenil para evitar a súa emigración

Serafín Otero e o resto da candidatura de BNG – Asembleas Abertas participaron nun acto simbólico organizado por Galiza Nova en protesta pola dramática situación da mocidade galega

 

acto desemprego xuvenil 3Vigo, 9 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, subliñou a necesidade de dar respostas á “dramática situación” da mocidade galega, en tanto que en cinco anos máis de 80.000 mozos tiveron que emigrar. Por iso considerou urxente a posta en marcha dun plan de choque destinado non só a crear condicións dignas de traballo “na terra”, senón tamén para propiciar o retorno de quen tivo que marchar a buscar fóra un traballo.

“Non son turistas como di o Partido Popular. É o drama que xeraron coas súas políticas, as políticas primeiro do Partido Socialista e agora do Partido Popular. Son as políticas de recortes que xeran precariedade laboral e que única e exclusivamente rebaixan salarios e provocan penalidades”, denunciou o candidato nacionalista nun acto de protesta organizado por Galiza Nova na rúa Príncipe e que contou coa participación de boa parte da candidatura.

Segundo asegurou Otero, “dende o Concello non podemos mirar para outro lado”. Así, destacou que o BNG “apostamos por desenvolver no próximo mandato, como unha das primeiras medidas, un plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino, co que queremos axudar a crear oportunidades que hoxe a mocidade non ten”.

acto desemprego xuvenil

Co-working e microcréditos

Serafín Otero explicou que o plan de choque integraría un programa de bolsas municipais, en colaboración coa Universidade de Vigo, destinada á mocidade emigrada “para que poida retornar á súa cidade para vivir e traballar dignamente”.

“Daremos abrigo a quen queira emprender proxectos de autoemprego mediante a posta en marcha dunha sementeira de empresas e unha lanzadeira de proxectos de autoemprego”, salientou o candidato do Bloque, quen sinalou que esta iniciativa incluirá a apertura dun espazo local de traballo compartido (co-working)

Para Serafín Otero “é fundamental prestar toda a axuda posible para que a mocidade poida desenvolver os seus proxectos”, polo que avanzou que a proposta incluída no programa do BNG tamén inclúe unha liña municipal de microcréditos.