O BNG demanda ao goberno que repoña a brigada do Casco Vello e faga melloras nos barrios

O BNG demanda ao goberno que repoña a brigada do Casco Vello e faga melloras nos barrios

O grupo municipal do BNG acadou o respaldo unánime do pleno para que o goberno de Vigo poña en marcha de novo a brigada de mantemento do Casco Vello e elabore un plan de traballo para facer melloras nos barrios e parroquias da cidade. “Non é de recibo que nun barrio celebren o primeiro aniversario dun socavóz”, comentou o portavoz municipal nacionalista, Santi Domínguez.

Para Santi Domínguez cómpre aproveitar a posta en marcha do Plan Municipal de Emprego, impulsado recentemente, para darlle resposta aos problemas dos barrios e parroquias de Vigo. Neste sentido apuntou algunha das queixas recibidas polo Bloque e trasladadas polos veciños e veciñas, como viais internos dos barrios sen mantemento, parques e xardíns das parroquias sen limpar, falta de mantemento no Casco Vello e lugares de encontro dos maiores nos que se pode observar a degradación e deterioro do espazo (como a praza do Emigrante, ao inicio da avenida de Castelao).

“O goberno municipal vén de anunciar o inicio de novas humanizacións en diversas rúas da nosa cidade, pero no momento de crise actual debemos priorizar aquelas cuestións que afectan ao benestar e a calidade de vida dos cidadáns”, destacou Santi Domínguez, quen criticou que o goberno local siga empeñado en humanizacións que ás veces son “un mero lavado de cara”.

Un ano sen solución

Ademais de defender a volta ao Casco Vello da brigada de reparación, Santi Domínguez salientou a pertinencia de que o goberno local cree un equipo permanente que rote polos distintos barrios e parroquias da cidade para atender as súas necesidades de mantemento, e criticou a intervención do concelleiro do PSOE a respecto desta moción. “Menos mal que a actuación do goberno é rápida, porque hai reclamacións que levan un ano sen solución”, sinalou Domínguez.

O nacionalista asemade criticou o anunciou feito polo edil de que os orzamentos de 2013 aumentarán as partidas para mantemento. “Vostede non debería ter anunciado isto, porque lles lembro que están en minoría e o BNG non lles vai a permitir siga priorizando en losetas. Non faga anuncios que non vaia poder cumprir. Nós queremos que priorice o emprego”, sinalou.

O BNG demanda ao goberno que repoña a brigada do Casco Vello e faga melloras nos barrios