O BNG demanda á Xunta que explique o concerto de 75 millóns que o Sergas pechou con Povisa

O BNG demanda á Xunta que explique o concerto de 75 millóns que o Sergas pechou con Povisa

Montse Prado e Iolanda Veloso presentaron as iniciativas que o Bloque levan adiante no Parlamento galego e no Concello de Vigo

 

rolda povisa Montse Iolanda ManoloVigo, 26 de setembro de 2014.- A deputada Monste Prado e a voceira municipal Iolanda Veloso criticaron o escurantismo co que o goberno galego negociou o concerto co policlínico Povisa, e que supón a aportación de 75 millóns de euros das arcas públicas. O responsable comarcal do Bloque, Manuel Caride, salientou que esta denuncia se enmarca na campaña informativa que a fronte nacionalista está desenvolvendo nos concellos afectados.

“Presentamos diversas iniciativas para desenmascarar a actuación infame do PP na sanidade pública do noso país”, salientou Montse Prado, quen explicou que o BNG rexistrou no Parlamento galego unha proposición non de lei na que demandamos que se faga público o concerto que o Sergas asinou con Povisa”.

A deputada nacionalista lembrou que o Bloque demanda esta información desde 2013, cando se estaba negociando este concerto. “Un ano despois seguimos sen ter ningún tipo de información. Que ten que agochar o PP”, preguntouse. Ao seu xuízo, “se non fan público o concerto dan a razón ao BNG cando denunciamos que só se preocupan por dar o negocio á empresa privada”.

“A cidadanía ten que saber que se fan cos cartos públicos, e se o PP non facilita a información estará demostrando que só lle interese beneficiar a unha empresa privada coa que a conselleira ten unha relación persoal”, denunciou. Neste sentido defendeu que unha conselleira que se xacta de ser conselleira non só da sanidade pública senón tamén da privada “non pode dar semellante inxección de cartos públicos a unha empresa privada”.

Cambio de hospital

Montse Prado criticou asemade que “xusto neste momento” de confusión e falta de información sobre como se ofrecen os servizos sanitario na área sanitaria de Vigo o Sergas abra a posibilidade de escoller hospital. “No BNG denunciamos que sen información non hai escolla posible”, manifestou.

“Están xogando coa desinformación na área sanitaria viguesa; son uns auténticos trileiros”, denunciou. Ao respecto sinalou que desde o BNG se solicita, tanto nas iniciativas no Parlamento como nos concellos afectados, a paralización da escolla de hospital mentres non se facilite “información personalizada” a cada cidadán e cidadá.

Por outro lado, a deputada do Bloque explicou que nas iniciativas presentadas no parlamento tamén demanda explicacións sobre se hai cláusulas “para impedir que Povisa siga tendo un trato infame cos traballadores e traballadoras”. Segundo subliñou, “despois de ter declarados os beneficios máis altos da súa historia, que garanten a viabilidade da empresa durante 10 anos, segundo dixo a propia conselleira, é inadmisible a actuación de Povisa cos seus traballadores e traballadoras”.

Moción urxente no pleno

Iolanda Veloso, pola súa banda, anunciou que o BNG levará ao pleno do vindeiro luns unha moción urxente centrada tamén no convenio que o Sergas asinou con Povisa. Ademais de reclamar que a Xunta o faga público, o BNG tamén demanda que defina as actuación previstas para garantir que este centro hospitalario atenda aos seus pacientes asignados “con ratios equiparables á media dos hospitais do Sergas”.

“O concerto con este centro privado distorsiona a sanidade na nosa cidade, xa que este hospital ten as listas de agarda máis altas do país”, manifestou a voceira nacionalista, quen considerou que por este motivo o concerto “non beneficia á cidadanía de Vigo”. Perante esta situación, o Bloque reclama que o Sergas explique que actuación vai desenvolver para reducir estas “intolerables listas de espera”.

O BNG demanda á Xunta que explique o concerto de 75 millóns que o Sergas pechou con Povisa