O BNG esixe á Deputación que elimine a exclusión de nenos con diversidade funcional

O BNG esixe á Deputación que elimine a exclusión de nenos con diversidade funcional

A portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, calificou de “pouco ético e miserable” que a Deputación de Pontevedra exclúa a nenos e nenas con diversidade funcional das bases da convocatoria tanto dos campamentos de verán que organiza en A Lanzada e como os campamentos polideportivos “Príncipe Felipe”. A nacionalista demandou a retirada “inmediata” desta exclusión, así como a reserva de prazas que garanta a inclusión dos nenos e nenas.

Iolanda Veloso explicou que o Bloque defenderá unha moción no vindeiro pleno da Deputación de Pontevedra que recolle estas demandas e que, ademais, esixe que se garanta a inclusión das persoas con diversidade funcional en todas as actividades desenvolvidas por esta administración, “que son financiadas con cartos públicos”, lembrou.

A nacionalista menciounou expresamente as bases da convocatoria dos campamentos que literalmente din: “Quedarán excluidos os menores sen capacidade para desenvolver as necesidades básicas diarias así como os nenos con doenzas ou minusvalías que teñan contraindicada a súa asistencia ao campamento e o desenvolvemento normal das actividades”.

“Que significa que os nenos e nenas 'que teñan contraindicada a súa asistencia ao campamento” non poden ir? Que clase de contraindicacións poden ter os campamentos? Cal é o desenvolvemento normal ”, preguntouse Veloso. “E que clase de educación se lle da aos nenos e nenas que si van aos campamentos? Como podo eu explicarlle a miña filla que seu irmán non pode ir a estes campamentos porque ten autismo?”, engadiu.

“Os nenos e nenas con autismo teñen dereito a acudir ais campamentos que se fan con cartos públicos”, subliñou a portavoz municipal do BNG, ao lembrar que hoxe, 2 de abril, conmemórase o Día Internacional de Concienciación sobre o Autismo, e que ten o azul como cor que o representa.

Reserva de prazas

“As administracións teñen a obriga de atender a todos os nenos e nenas”, defendeu a nacionalista, para quen a solicitude de reservar unha porcentaxe de prazas que non sexa en ningún caso inferior ao 15% “non é nada novo”.

Neste sentido, Iolanda Veloso recordou que nos campamentos que organiza a Concellería de Xuventude do Concello de Vigo si se reservan prazas para os nenos e nenas e se garante a súa atención mediante persoal de apoio. “Pedimos que a Deputación faga o mesmo”, subliñou.

“Agardamos que esta exclusión se corrixa e que non se volva a producir unha discriminación semellante”, manifestou a portavoz municipal do Bloque. Ao seu xuizo, esta separación das persoas con diversidade funcional que fai a Deputación de Pontevedra súmase á que defenden os populares entre nenos e nenas nos centros escolares, ou entre os que poden ir aos comedores escolares e os que non.

O BNG esixe á Deputación que elimine a exclusión de nenos con diversidade funcional