O BNG potenciará o turismo cultural e de congresos como ferramenta para crear emprego

O BNG potenciará o turismo cultural e de congresos como ferramenta para crear emprego

Serafín Otero considera indispensable revitalizar o Vigo Convention Bureau e elaborar un calendario de feiras temáticas vencelladas coa historia da cidade

 

declaracións Serafín Otero 3 webVigo, 3 de maio de 2015.- No marco da batería de medidas para crear emprego na cidade, o candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, salientou a necesidade de potenciar o sector turístico, tanto de congresos como cultural. É imprescindible superar a parálise actual e traballar a fondo tendo en conta as potencialidades da nosa cidade”, destacou.

Neste sentido, Serafín Otero defendeu a revitalización do Vigo Convention Bureau como ferramenta para captar congresos e eventos de forma coordinada coas programacións do Pazo de Congresos e do IFEVI. “pero tamén para promover a posta en marcha de novos eventos a partir da iniciativa municipal”, engadiu ao tempo que salientou que o Concello “pode facer moitas máis cousas das que está facendo”.

Para o candidato nacionalista tamén é necesario elaborar unha programación anual dun calendario de feiras temáticas enraizadas na historia viguesa e que se desenvolvan en diferentes puntos da cidade. “Queremos poñer en valor o noso patrimonio histórico ou ambiental pero tamén a promoción de novas manifestacións culturais, tal e como sempre fixo o BNG”, destacou.

O Marisquiño

Segundo Otero, o exemplo do Marisquiño é un caso claro dun evento de gran relevancia para Vigo que desde o Concello hai que promover e protexer. “Temos que asinar convenios de colaboración para facer de Vigo a sede permanente de eventos de gran repercusión, cos que a mocidade se sente identificada e que ao mesmo tempo o uso do galego sexa preferente”, considerou ao respecto, salientando ademais o seu carácter multidisciplinar, ao incluír tanto actividades deportivas como musicais e de outras manifestacións artísticas.

O candidato nacionalista tamén considerou imprescindible impulsar o turismo cultural e para isto avoga por promocionar a cidade como destino turístico de fin de semana, ligado á oferta cultural, a posta en valor dos montes e parques forestais e ao mar. “Para isto é indispensable ampliar os horarios de apertura da rede de museos. De pouco vale ter moitas instalacións culturais se cando chegan os turistas están pechadas”, manifestou.

Ao respecto Serafín Otero fixo referencia as escalas de cruceiros no porto da cidade. “Queremos poñer en marcha programas específicos de animación sociocultural e roteiros de visita rápida para aumentar o retorno económico. Estamos ante un exemplo máis do que o goberno socialista actual non fai e que no Bloque sabemos que é necesario potenciar”, comentou.

“Sabemos que o emprego non é unha competencia municipal, pero tamén sabemos que desde o Concello hai moitas medidas que se poden poñer en marcha para loitar contra a situación de desemprego que viven moitas familias”, concluíu.