O BNG preséntase como alternativa aos recortes do PP e ao “localismo de cascarrabias de Caballero"

O BNG preséntase como alternativa aos recortes do PP e ao “localismo de cascarrabias de Caballero"

Serafín Otero: “É tempo de abrir un novo ciclo que acabe coa política das inauguracións e se ocupe dos problemas reais da xente”

Xavier Vence:  "O reto é recuperar Vigo como motor económico e como cidade de cohesión social con servizos públicos de calidade”

 

VENCE PRESENTACION CANDIDATURA BNG-AA VIGOVigo, 18 de abril de 2015.- O BNG - Asembleas Abertas de Vigo presentou hoxe a súa candidatura completa, coa que segundo destacou o portavoz nacional, Xavier Vence, o Bloque ten o obxectivo de estar a cabeza dunha Galiza dinámica no económico e no social. Segundo destacou, “non pode facelo cun goberno municipal pechado na confrontación, nin da man de quen practica unha política de recortes que lle nega servizos básicos públicos de calidade como a sanidade á primeira cidade do país".

“BNG-Asembleas Abertas é a alternativa política que ofrecemos a toda a cidadanía de Vigo que planta cara á política de recortes do PP, -que provoca paro, privatización de servizos públicos e exclusión social-, e que tampouco se resigna ás bravatas dun goberno municipal instalado na confrontación co resto do país e no victimismo para agochar que non ten proxecto para esta cidade”, proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, na presentación da candidatura que lidera Serafín Otero.

vence presentación candidatura bng2

Xavier Vence destacou que Vigo non pode liderar a Galiza da economía produtiva que cree emprego de calidade “desde a confrontación, con localismos cascarrabias e histriónicos, nin con visións miopes de corto prazo”. Ademais enumerou os “inimigos” de Vigo: “Son os recortes do PP e do PSOE, as políticas centralistas do PP e do PSOE, os que abandonan sectores estratéxicos de Vigo”.

O reto de BNG-Asembleas Abertas é “recuperar Vigo como motor económico e como cidade de cohesión social con servizos públicos de calidade”, cunha candidatura “renovada e ilusionada”. “É unha candidatura modélica co obxectivo de construír un concello ao servizo da xente, desde o diálogo e a participación”, salientou.

vence presentación candidatura bng 3

O portavoz nacional puxo en valor o traballo do BNG en defensa dos servizos básicos e dos sectores produtivos que forman parte da “esencia” de Vigo. “Na rúa defendemos a sanidade pública, o naval, a pesca, o comercio local, estamos ao lado da xente. O que pretendemos facer materializar esas propostas desde o Goberno desta cidade”, recalcou, que merece “iniciar unha nova etapa”.

 

Unha idea na que insistiu Serafín Otero ao anunciar que BNG-Asembleas Abertas quere “abrir un novo ciclo que acabe coa política de inauguracións para dar prioridade aos problemas reais da xente, e tempo de pechar en Vigo ás políticas de recorte impostas pola dereita, e BNG-AA ten a vontade de ser a alternativa útil de cambio desde o nacionalismo de esquerda”.

Despachos transparentes contra a corrupción

presentación candidatura otero

Entre as propostas urxentes citou construír un concello “ao servizo da veciñanza”, destinar recursos a “eliminar a pobreza e a exclusión social” con medidas de inclusión como o autobús gratuíto, comedores escolares, facilitando o acceso á vivenda. Igualmente, Otero subliñou a aposta por unha fiscalidade progresiva, orzamentos participativos e potenciar o transporte público e intermodal.

O BNG quere que a “indignación social” se escoite nos plenos municipais, recalcou. “Os problemas da xente por diante” e “facer transparentes as paredes dos despachos para desterrar corrupcións e tratos de favor”, cun goberno local que converta o concello “nunha entidade de participación que logre unha democracia municipal real”.

O candidato nacionalista aposta por unha cidade “para traballar e para vivir” cun novo modelo de urbanismo “onde a protección ambiental e a recuperación de espazos urbanos degradados e no litoral sexa “unha prioridade fronte a ocupación do territorio”. “En definitiva, queremos facer país desde Vigo, queremos mudar Vigo para transformar Galiza”, concluíu.

VENCE PRESENTACION CANDIDATURABBNG-AA VIGO4

Liderar a defensa da sanidade

A presentación da candidatura tamén contou coa intervención de Manuel Moreira (candidato 3), médico de profesión, crítico contra a privatización de servizos sanitarios asegurando que para o Bloque, “o concello debe liderar a demanda das infraestruturas necesarias para proporcionar unha sanidade pública de calidade aos vigueses e viguesas”.

A candidata 8 Elsa Quintas subliñou o papel que debe xogar o goberno municipal na promoción da lingua e da cultura propias, mentres Ernes Rodríguez (candidata 4) avanzou que o BNG porá máis recursos para a creación de emprego e supervisará os contratos públicos. A candidata 2, pola súa banda, Vitoria Iglesias, destacou a proposta de crear dous centros de información para a muller e maiores orzamentos para fomentar a igualdade de xénero e, tras lembrar o último caso de violencia de xénero, salientou que toda a sociedade debe implicarse na loita contra esa lacra.