O BNG propón unha ofensiva municipal, na Xunta e no goberno central para lograr apoios para o Porto

O BNG propón unha ofensiva municipal, na Xunta e no goberno central para lograr apoios para o Porto

O BNG non da a batalla por perdida na defensa de que o Porto de Vigo sexa incorporado como infraestrutura principal á rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) 2014-2020, pese ao revés de ser excluído na votación da Comisión de Transportes da Eurocámara como defendía as emendas da formación nacionalista, unha vez que PP e PSOE apostaron por dar esa categoría ao Porto de Santa Cruz de Tenerife relegando á dársena viguesa.

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda e o portavoz municipal Santiago Domínguez explicaron en rolda de prensa a estratexia do BNG para "queimar todos os cartuchos" na defensa do Porto vigués, con dúas iniciativas clave: iniciar unha "ofensiva política" para acadar os apoios necesarios, e presentar unha emenda no Pleno da Eurocámara que permita "correxir a oportunidade perdida en Comisión", explicou Miranda.

Esta "ofensiva política" será proposta a nivel municipal, Xunta e Goberno central coa presentación das iniciativas necesarias para que cada parte asuma a súa responsabilidade na defensa do Porto de Vigo. "O obxectivo é sumar, porque se trata dunha cuestión que afecta a primeira cidade galega e, polo tanto, é unha cuestión de país", salientan os responsables nacionalistas.

É preciso que o Estado español non se levante do Consello de Ministros europeo sen ter o apoio suficiente dos outros Estados membros para o Porto de Vigo, porque é evidente que, tras o fallo da Comisión de Transportes, ter unha resposta en positivo na Eurocámara tornouse máis difícil. "Perdemos unha grande oportunidade", recalca Miranda.

Pese a todo, o BNG seguirá loitando tamén no Parlamento Europeo, e anunciou a presentación dunha emenda no Pleno da Eurocámara no que teña lugar a votación definitiva do documento da RTE-T, previsiblemente en marzo de 2013, para o que se precisa a sinatura de 40 eurodeputados. Miranda salientou que solicitará a PP e PSOE que apoien esa emenda, porque "incluír ao Porto de Vigo no nivel que lle corresponde está por riba de partidismos e todos debemos sumar".

Traizón a Vigo

O BNG foi moi crítico coa actitude política das dúas forzas estatais na Comisión de Transportes da Eurocámara, ás que reprochou a súa "traizón a Vigo" pactando emendas nas que se deu prioridade ás infraestruturas doutras partes do Estado español. "Unha vez máis Vigo e Galiza non son prioritarios para os representantes populares e socialistas no Parlamento Europeo".

"A ministra de Fomento Ana Pastor só se acorda de Vigo en período electoral, para anunciar apoios que despois non cumpre, francamente, para iso é mellor que non veña", alegou Domínguez, quen tamén reprochou ao rexidor municipal o seu escaso grado de implicación nun tema crucial para a cidade: "Caballero presume case de falar con Obama, pero non é capaz de lograr que os seus compañeiros socialistas en Bruxelas lle dean ao Porto de Vigo un apoio que si lle concederon ao Porto de Santa Cruz de Tenerife".

Criticou, ademais, a utilización do Porto de Vigo “durante anos e anos como arma arroxadiza» entre PP y PSOE, e aconsellou “que se vaian para súa casa” a quen ostentou a presidencia da Autoridade Portuaria nos últimos anos, como Abel Caballero, Corina Porro e Ignacio López Chaves.

As categorías da RTE-T

Hai que salientar que a Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) recolle a folla de ruta en materia de infraestruturas marítimas, ferroviarias, aéreas e por estrada para os vindeiros anos. As infraestruturas aquí recollidas quedan divididas en dúas categorías, a global ou xeral e a principal ou nodal, estas últimas acaparan o 85% dos fondos, -50.000 millóns de euros-, e deben estar executadas antes 2030. As incluías na categoría global, reciben un 15% do orzamento e a súa execución pode demorarse ata 2050.

Estar ou non estar no documento e na categoría acaída supón, por tanto, unha diferencia evidente en termos de orzamento e de tempos.

O BNG propón unha ofensiva municipal, na Xunta e no goberno central para lograr apoios para o Porto