O BNG reclama a Inspección de Traballo que faga cumprir a Povisa as resolucións en materia laboral

O BNG reclama a Inspección de Traballo que faga cumprir a Povisa as resolucións en materia laboral

Serafín Otero e Manuel Moreira amosaron o apoio do Bloque ás protestas da plantilla “xa que non hai ningunha xustificación para os recortes dos dereitos”

 

concentración PovisaVigo, 21 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo CIG, Serafín Otero, e o candidato 3 da lista, Manuel G. Moreira, participaron na protesta que os traballadores e traballadoras de Povisa organizaron diante da delegación de Inspección de Traballo para denunciar que este organismo respalda a actuación da empresa.

“Estamos apoiando, como fixemos sempre, aos traballadores e traballadoras de Povisa e as súas reivindicacións”, salientou o candidato nacionalista, para quen “non hai dereito ao que lles está pasando e non entendemos que en Povisa siga habendo despedimentos”.

Manuel G. Moreira subliñou que o Bloque esixe que as resolucións de Traballo se cumpran, “porque hai moitas resolucións sen cumprir e non hai ningunha xustificación para os recortes de dereitos laborais que se está levando a cabo en Povisa”.

Neste sentido salientou que a propia administración recoñeceu que co concerto asinado en setembro de 2014 se conseguía estabilidade laboral “e non hai ningunha razón para despedir a traballadores e traballadoras e para precarizar as condicións asistenciais que se dan no hospital”.

Cumprimento da moción

O candidato nacionalista tamén demandou ao goberno galego o cumprimento da moción do BNG aprobada polo Concello de Vigo na que se reclamaba a readmisión dos 13 traballadores e traballadoras despedidos. “Esiximos ao Partido Popular que presione para esixir a readmisión dos traballadores e traballadoras”.