O BNG reclamará no vindeiro pleno a retirada da Medalla da Cidade a Fernández Gayoso

O BNG reclamará no vindeiro pleno a retirada da Medalla da Cidade a Fernández Gayoso

“A mala xestión da entidade, a comercialización de produtos financeiros complexos tales como as preferentes e as subordinadas e a súa conduta á fronte da entidade bancaria, co cobro dun plan de pensións cando a entidade que dirixía xa recibira inxentes axudas públicas”, son algúns dos argumentos que segundo subliñou Iolanda Veloso levarán ao BNG a pedir no vindeiro pleno da corporación a retirada da Medalla da Cidade a Julio Fernández Gayoso.

Segundo apuntou a portavoz municipal nacionalista, desde que en 1997 se aprobou esta concesión, cos votos a favor de PP e PSOE, “teñen cambiado moito as cousas”. Neste sentido afirmou que temos probas da xestión que Julio Fernández Gayoso desenvolveu á fronte de Caixanova “e as súas consecuencias ruinosas, que o levaron mesmo a estar a día hoxe imputado por administración desleal e apropiación indebida por parte da Fiscalía anticorrupción”.

Iolanda Veloso salientou outras dúas razóns para pedir a retirada da medalla. Por unha lado, a súa imputación, que provocou a súa dimisión como copresidente de Novacaixagalicia; e polo outro, “o seu desprezo aos representantes públicos na súa comparecencia no Congreso”, onde dixo non ser responsable de nada do acontecido en Caixanova e Novacaixagalicia desde 2006 por non ter poderes e onde eludiu contestar ás preguntas sobre a venta das preferentes.

O texto da moción recolle que estas condutas reprobábeis “deberían levar a perda da distinción honorífica da Medalla da Cidade de Vigo”, xa que a xuizo da portavoz municipal do BNG, “manter esta distinción non daría máis que unha mala imaxe da Medalla e da propia cidade”.

Rexeitamento cidadá

Iolanda Veloso destacou asemade que o rexexeitamento cidadá se plasmou na solicitude feita por parte da Plataforma de afectados/as polas preferentes e subordinadas da nosa cidade e asegurou que esta foi outra das razóns que impulsaron ao BNG a presentar esta iniciativa.

“Cremos que hai razóns máis que suficientes para entender que existe unha falta grave que afecta ás causas que motivaron o outorgamento deste título”, asegurou a nacionalista, polo que o Bloque proporá no vindeiro pleno ordinario que se inicie “de forma inmediata” o expediente de retirada da distinción honorífica a Gayoso, para que xa se aprobe no pleno extraordinario de elección de Medalla da Cidade e Vigueses Distinguidos para o presente ano.

O BNG reclamará no vindeiro pleno a retirada da Medalla da Cidade a Fernández Gayoso