O BNG reivindica a colaboración entre Universidade e Concello para crear emprego

O BNG reivindica a colaboración entre Universidade e Concello para crear emprego

Serafín Otero mantivo unha xuntanza co reitor vigués para trasladarlle as propostas do Bloque no eido universitario, entre as que destacou a creación de bolsas municipais para o retorno da mocidade emigrada

 

xuntanza reitorVigo, 30 de abril de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, destacou a necesidade de chegar a acordos coa Universidade de Vigo desde o Concello, especialmente en materia de emprego e de aplicación da tecnoloxía á xestión municipal. Así o manifestou tras o encontro que mantivo co seu reitor, Salustiano Mato, e no que tamén participou o candidato 5, Manuel Caride.

“Entendemos que hai que buscar a proximidade entre a Universidade e a cidade e é importante que exista colaboración entre o Concello e a Universidade sobre todo polo desenvolvemento económico da nosa cidade”, destacou Serafín Otero, quen agradeceu ao reitor a súa disposición para manter o encontro.

Segundo afirmou o candidato nacionalista “temos que poñer en valor a nosa Universidade e a súa importancia, porque como vigués é un feito do que podemos presumir que estea entre as 100 primeiras do mundo”, -“de menos de 50 anos”, apuntou o reitor ao respecto. “Queremos prestar toda a colaboración posible”, afirmou Otero, ao tempo que expresou a súa confianza en que a capacidade en desenvolvemento, innovación e tecnoloxía do centro académico vigués faga que “en pouco tempo poda estar entre as 30 mellores do mundo”.

Precisamente no programa do Bloque de cara ás vindeiras eleccións municipais proponse a aplicación de novas tecnoloxías á xestión dos servizos municipais e o desenvolvemento da administración electrónica. O obxecto, para o candidato nacionalista, consiste en “dispor de máis medios para a participación e a información cidadá, a realización de trámites de xestión e medidas a favor da transparencia”.

Retorno da mocidade

Serafín Otero subliñou que a colaboración entre Concello e Universidade debe ter o obxectivo de potenciar a creación do emprego, ao tratarse esta dunha das principais preocupacións na cidade. “É necesario buscar que a xente que remata a súa carreira, posteriormente se poida incorporar nun posto de traballo na nosa cidade, nas empresas que temos”, manifestou a respecto do forte desemprego xuvenil e a emigración forzosa da mocidade.

“O BNG vai facer un esforzo, se nos toca gobernar, conxuntamente coa Universidade para que a xente que remate as súas carreiras poida traballar en empresas ubicadas na cidade de Vigo”, remarcou, ao tempo que a necesidade de ofrecer facilidades económicas á mocidade emigrante para que poida retornar. “Que o Concello se involucre nesta situación nos parece imprescindible”, asegurou.

Traballo para a cidadanía

Pola súa banda, Salustiano Mato asegurou que é “un pracer ter hoxe aquí ao candidato do BNG para a alcaldía de Vigo”, quen destacou que para a Universidade é moi importante a relación co Concello. “É fundamental, a través do Concello, facer máis e mellor o noso traballo para a cidadanía, achegarnos a ela e aportar as nosas capacidades e o noso talento á cidade e ás necesidades que ten a xente da nosa cidade”, explicou.

“Estivemos falando de cómo establecer no programa que propón o BNG a relación cara a Universidade e explicamos a nosa visión, as necesidades que temos e de que maneira podemos axudar, en que canles”, destacou o reitor vigués, ao tempo que agradeceu a Serafín Otero a súa sensibilidade e as propostas achegadas polo candidato, considerándoas “de gran interese”.