O BNG reivindica o servizo ferroviario de cercanías fronte a decisión de Fomento de eliminar paradas

O BNG reivindica o servizo ferroviario de cercanías fronte a decisión de Fomento de eliminar paradas

Olaia Fernández Davila alerta de que as actuacións do goberno central “van encamiñadas á privatización do ferrocarril”.

Iolanda Veloso reprocha ao alcalde que non lle explicara Ana Pastor as necesidades de Vigo durante a súa visita á cidade.

Celicia Pérez Orge denuncia os prexuizos a Redondela tras a redución de paradas en Cesantes e a parálise en Chapela.

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Ferndez Davila, a portavoz municipal en Vigo, Iolanda Veloso, e a portavoz municipal en Redondela, Cecilia Pérez Orge, denunciaron as consecuencias negativas que ten para a comarca de Vigo a redución de paradas nas liñas Vigo-Ourense e Vigo-A Coruña. Ademais, nun acto de protesta que tivo lugar diante da estación de Adif defenderon a posta en marcha dun servizo de proximidade “que permita a comunicación interna do noso país”.

“Desde o Bloque Nacionalista Galego levamos anos reivindicando un servizo ferroviario de cercanías”, salientou Fernández Davila, ao tempo que destacou as súas ventaxes, posto que se trata dun medio de transporte máis san, máis óptimo e máis seguro, xa que reduce o número de vehículos das estradas. Ao seu xuízo, “defender un tren de cercanías para Galiza en condicións é fundamental”.

A deputada nacionalista criticou que nin desde o goberno central nin desde a Xunta “se dan pasos nesa dirección pese a que hai un convenio asinado”, senón que o Ministerio de Fomento elimina liñas e paradas en media distancia, que segundo apuntou Davila, “actuaba como tren de proximidade”.

“O BNG posiciónase contra a decisión do Ministerio de Fomento de eliminar 14 paradas no ferrocarril ente Vigo e Ourense”, destacou, ao tempo que sinalou que as decisións que toma Fomento “son contrarias as necesidades do noso país”. Neste sentido considerou “totalmente desproporcionadas” as manifestacións de satisfacción da ministra de Fomento.

Beneficio social

Por outro lado, Olaia Fernández lembrou as declaracións de Ana Pastor nas que aseguraba que 'é obxectivo do Ministerio de Fomento optimizar o ferrocarril e poñelo en condicións para a súa liberalización'. “Isto significa que as súas actuacións están encamiñadas a privatizar o servizo ferroviario”, alertou.

Diante desta situación, a deputada do BNG subliñou que o transporte público non ten que basearse no “criterio económico anual”, senón en función do “servizo á cidadanía” e a calidade dese servizo. “Este goberno, coa súa obsesión privatizadora fai o balance en función do beneficio económico e non no beneficio social”, indicou.

Infraestrutura básica

Nesta liña, a portavoz municipal do BNG vigués, Iolanda Veloso denunciou que as decisións do Ministerio de Fomento “afectan gravemente á nosa cidade”, xa que a eliminación de liñas e paradas afectan especialmente a persoas que empregan o tren na súa vida cotiá. “Deixa a moitas persoas nunha situación moi comprometida respecto ao que se refire aos estudos e ao traballo”, apuntou.

Iolanda Veloso lamentou que o alcalde non aproveitara a visita a Vigo realizada pola ministra de Fomento para explicarlle as necesidades da cidade, posto que o tren é unha infraestrutura básica para o seu desenvolvemento. “A realidade é que non temos AVE pero tampouco temos un servizo ferroviario axeitado”, destacou, ao tempo que criticou que “Vigo queda cun servizo ferroviario que non se corresponde coa cidade que é”.

Nó ferroviario

A portavoz municipal do BNG en Redondela, pola súa banda, lembrou a importancia desta localidade como nó de transporte ferroviario e criticou o desmantelamento de liñas e paradas nos últimos anos. En concreto, Cecilia Pérez Orge denunciou a redución de 8 a 2 paradas en Cesantes e reclamou a posta en marcha da estación de Chapela.

“Que Núñez Feijoo deixe de aplaudir coas orellas os plans da ministra de Fomento e defenda os intereses dos galegos”, defendeu.

 

O BNG reivindica o servizo ferroviario de cercanías fronte a decisión de Fomento de eliminar paradas