O BNG rexeita as ordenanzas fiscais do goberno local porque aplican a política económica do PP

O BNG rexeita as ordenanzas fiscais do goberno local porque aplican a política económica do PP

 “O PSOE rebaixa os impostos a coches de luxo pero non é quen de poñer en marcha o bono bus para persoas desempregadas”, criticou Iolanda Veloso

O

Vigo, 4 de setembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego votou en contra da aprobación inicial das ordenanzas fiscais posto que, segundo destacou a súa voceira municipal, supoñen a aplicación en Vigo da política económica do Partido Popular. “Non aplican ordenanzas que se adaptarían as necesidades da cidadanía”, criticou.

Iolanda Veloso denunciou que, entre outras medidas, as ordenanzas aprobadas por PSOE e PP, manteñen os prezos das escolas infantís mentres rebaixan os impostos dos vehículos de luxo. “Isto non é axudar as familias”, criticou ao tempo que destacou que o Bloque ten emendas presentadas desde o ano pasado, “emendas que o PSOE non quixo nin quere debater”, engadiu.

Neste sentido a portavoz municipal nacionalista lembrou que o BNG propuxo que se lle cobrase o IBI a igrexa e se lle eximise á Universidade, así como unha rebaixa ao pequeno comercio. “Nós propoñemos cousas que a vostedes non lles interesaron e seguen sen interesarlle”, criticou.

“É curioso que lle rebaixen os impostos a un BMW de máis de 50.000 euros pero non poidan poñer en marcha o bono bús para persoas desempregadas ou manter o bono taxi”, sinalou Veloso, quen destacou que o goberno local “terá que explicar á cidadanía por que aplica en Vigo a política fiscal do PP”.

Informe de Tesourería

No tocante ao informe de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pagos do Concello, a portavoz municipal do BNG manifestou que da mesma forma que se rebaixan os pagos ás empresas “gustaríanos que poder felicitalos polo pago das axudas de emerxencia, que tardan 6 meses”.

Ao respecto, Iolanda Veloso instou ao goberno local a “facer un esforzo e, da mesma forma que pagan ás empresas en 15 días, reforcen os servizos sociais”. Para o Bloque, os maiores esforzos da administración téñense que dedicar a cubrir as necesidades básicas da cidadanía, e así o evidencia as emendas aos orzamentos, como é o plan social contra a crise, incluído nos orzamentos de 2013 grazas a unha emenda nacionalista.

A voceira do BNG criticou que non só non se fixeron os esforzos necesario para reforzar o persoal que tramita as axudas senón que este ano se reduciron os orzamentos para axudas, pasando dos 3.200.000€ do plan social contra a crise incluído polo BNG no 2013 aos 2.000.000€ deste ano en axudas finalistas por alimentos, consumo enerxético e vivenda.

 

O BNG rexeita as ordenanzas fiscais do goberno local porque aplican a política económica do PP