Para o BNG sanidade e servizos sociais son dereitos universais, non lucro privado como para o PP

Para o BNG sanidade e servizos sociais son dereitos universais, non lucro privado como para o PP

Nun encontro de sanidade e servizos sociais que esta tarde tivo lugar en Vigo, o cabeza de lista do BNG por Pontevedra destacou que para o Bloque Nacionalista Galego trátase de dereitos entendidos dende a universalidade. Fronte a esta visión contrapuxo a visión do PP, quen prioriza o lucro do privado e un modelo baseado na segregación.

“A universalidade dos servizos públicos é a razón do autogoberno e a mellor para priorizar isto hai que facer menos infraestruturas”, manifestou Carlos Aymerich na súa intervención. “Para o BNG a sanidade e os servizos sociais son dereitos universais para todos e para todas, non lucro privado como para o PP”, subliñou.

Neste sentido o candidato nacionalista asegurou que o BNG ten unha traxectoria e un traballo “contrastados”, posto que ao seu xuízo foi unha prioridade nas súas accións de goberno “tanto no Concello de Vigo como na Xunta”. Segundo considerou “non se trata de quen berra máis alto senón de quen propón as alternativas máis fiables”.

Aymerich puxo de manifesto que pese aos continuos alardes de austeridade, os recortes do goberno de Feijóo acada un “aforro mínimo” con medidas como o pagamento do medicamento ou a privatización dos servizos. “A maior ineficacia é a vampirización da sanidade pública pola sanidade privada, algo que o PP non ten ningún interese en combatir”, critcou.

Carme Adán

A número 2 da lista do BNG, pola súa banda, destacou que a Consellería de Benestar é o departamento que máis recortou nestes tres anos e medio e a que menos orzamento executou. Pola contra afirmou que o Bloque aposta por uns servizos sanitarios públicos e de calidade, que inclúe o rescate do novo hospital de Vigo.

O responsable da Plataforma pola Sanidade Pública e tamén candidato do BNG, Manuel Moreira, incidiu na visión da sanidade como motor económico de Galiza, tendo en conta o número de traballadores e traballadoras integrados no Sergas, así como na pertinencia de potenciar a exclusividade da sanidade pública. “É posible facer o cambio na sanidade, e ademais é necesario”, asegurou.

Para o BNG sanidade e servizos sociais son dereitos universais, non lucro privado como para o PP