Cando os do PP falan de sanidade e vivenda fanlle os ollos chiribitas: ven negocio, nunca dereitos

Cando os do PP falan de sanidade e vivenda fanlle os ollos chiribitas: ven negocio, nunca dereitos

Carlos Aymerich, cabeza de lista do BNG por Pontevedra,  criticou este domingo a política privatizadora do Partido Popular e a súa falta de medidas para afrontar a crise, deixando de lado ás persoas menos favorecidas. “Cando falan de sanidadae e vivenda fanlle os ollos chiribitas, como ao tío Gilito: só ven negocio, nunca dereitos”, destacou nun mitin celebrado no Porriño, no que tamén participou o número 7 da candidatura, Pedro Pereira.

“O do banco malo clama ao ceo”, dixo Aymerich en referencia a decisión de que as vivendas baleiras dos bancos integren un banco malo. “Podiamos pensar que eran alixos de drogas, ou similares, pero non, refírense a vivendas baleiras cando xa 5.000 familias foron expulsadas da súa vivenda en Galiza no que vai de ano”, explicou.

Pola contra, o candidato nacionalista subliñou que a solución radica en que “nós gobernemos a nosa terra”, e que Galiza teña a posibilidade de que esas vivendas deshabitadas constitúan un patrimonio de vivenda público e que as familias desafiuzadas “poidan facer efectivo o dereito a unha vivenda digna”.

O BNG como voto útil

Carlos Aymerich fixo un chamamento a “concentrar o voto Bloque Nacionalista Galego”, xa que ao seu xuízo esta é a única posibilidade de frear as políticas de recortes do PP e  de Feijóo. Destacou que votar BNG é “o voto útil na Galiza e tamén no Porriño” e asegurou que o PP sábeo ben, “porque precisamente a quen atacan todos os días é ao Bloque”.

Para o nacionalista “a dereita non ten escrúpulos para manterse no poder, e iso sabédelo ben no Porriño, por iso non queren falar da memoria histórica”, salientou ao tempo que acusou a Feijóo de mentirán. Neste sentido lembrou que en Melón prometeu que se instalaría unha fábrica de coches eléctricos e na Plisan a fábrica de baterías de Mitsubishi “e o dos barcos creerémolo candos os vexamos”, comentou en relación ao contrato con Pemex.

Porén, sinalou que Feijóo si dixo dúas verdades, ‘non deixarei facturas no caixón’. “E é certo, porque non será presidente e as súas facturas non caberán nun só caixón”, comentou. Tamén criticou ao candidato popular “por non falar do que quere facer”. Nesta liña indicou que só hai que ir a Portugal, “aquí preto, e veredes cal é a segunda fase, porque aquí xa pagamos polos medicamentos e alí xa pagan por ir a urxencias. Non esquezades que o seguinte capítulo é o das pensións”, alertou.

“Gobernemos nós a nosa terra, para que as nosas empresas teñan financiamento e para que marquemos nós a nosa tarifa eléctrica”, rematou.

Cando os do PP falan de sanidade e vivenda fanlle os ollos chiribitas: ven negocio, nunca dereitos