Domínguez acusa ao PP de covardía política e critica que frivolice sobre as familias en paro

Domínguez acusa ao PP de covardía política e critica que frivolice sobre as familias en paro

O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, criticou este martes a frivolidade do Partido Popular en relación ás emendas presentadas polo Bloque nas que se reclama o aumento das partidas destinadas ao Plan de Emprego e a inclusión dun Plan de Compensación Social contra a crise. “Nós non imos frivolizar sobre a situación tan grave de moitas familias en paro que nos piden axuda para subsistir”, destacou o nacionalista.

“Haberá que preguntarlle ao PP por que non lle aceptan as súas mocións. Será porque só buscan o rifirrafe constante”, salientou Santi Domínguez. Ao seu xuízo, “a gran emenda que o PP debe presentar “non é neste concello, é diante de Louzán e Feijóo, pero non o fará porque é un covarde político e non se atreve”, asegurou. “Covardía política é “non responder ás necesidades desta cidade”, explicou.

En relación das declaracións dos populares nas que aseguraban que as emendas do BNG están feitas polo alcalde, o nacionalista asegurou que o Bloque “non necesita ao alcalde nin a ningún secretario ou secretaria que redacte as nosas mocións”. Esixiu ademais que o PP deixe de frivolizar coa grave situación das familias, causada precisamente polas políticas que levan a cabo os populares.

Cero euros grazas ao PP

Santi Domínguez, por outro lado, expresou a satisfacción do BNG por que o goberno municipal aceptara as emendas, nomeadamente o Plan de Compensación contra a crise. Afirmou que “grazas ao BNG 2.000 familias terán 1.600 euros durante 8 meses, e grazas ao PP cero euros”.

Lembrou a intervención da concelleira Iolanda Veloso no pleno de onte e destacou que o Bloque aprobou as ordenanzas porque “queremos que os ingresos do concello repercutan nas familias viguesas”.

Pola contra, asegurou que o Partido Popular non quere aprobar os orzamentos desta cidade. “O paripé é o do PP, que presenta emendas para que non sexan aprobadas”, destacou.

Xuntanza con CIG e UGT

Santi Domínguez salientou, por outra banda, que a xuntanza coa CIG e UGT (CCOO excusou a súa asistencia por problemas de axenda), enmárcase na rolda de contactos que o Bloque están mantendo cos colectivos sociais da cidade para explicar as súas propostas.

“Nas reunións trasladamos o esforzo do BNG para recoller as propostas da cidadanía, centradas sobre todo no emprego e os servizos sociais básicos”, sinalou ao tempo que asegurou que a sociedade “demanda da clase politica que traballemos para atender as súas prioridades”.

Precisamente mañá o grupo municipal do BNG manterá unha xuntanza ás 13:30 horas coa FAVEC na oficina municipal e ás 17:30 horas con diferentes entidades veciñais, na Casa Galega da Cultura.