Grazas ao BNG as taxas inclúen máis bonificacións e conxelan a tarifa da auga e o prezo do bus

Grazas ao BNG as taxas inclúen máis bonificacións e conxelan a tarifa da auga e o prezo do bus

O grupo municipal do BNG apoiou este mércores as taxas municipais ao incluír as emendas presentadas polos nacionalistas. Na defensa destas modificacións, a concelleira Iolanda Veloso destacou que o Bloque defende “un sistema sistema fiscal distinto, de xeito que pague máis quen máis ten”, polo que grazas as emendas do BNG no 2013 non se subirá nin o recibo da auga nin o prezo do transporte urbano.

“Presentamos novos supostos de aplicación de coeficientes redutores de renda para dous colectivos desfavorecidos, persoas desempregadas de longa duración e persoas en situación de dependencia”, salientou a concelleira do BNG, para quen é fundamental que coa modificación das ordenanzas fiscais se cumpra o obxectivo de “garantir os recursos para prestar servizos fundamentais e básicos á cidadanía”.

Iolanda Veloso destacou que o Bloque esixe a elaboración dun estudo tarifario da auga en función do consumo. “Mentres este cambio se realiza, esiximos que non se aplique ningunha subida ao recibo, nin o IPC”, engadiu. A este respecto sinalou que cómpre dar cumprimento ao acordado no pleno de aprobación das ordenanzas fiscais do pasado ano e á moción aprobada no pasado pleno.

Incoherencia do PP

Precisamente diante das manifestacións do concelleiro popular sobre esta cuestión, a edil nacionalista lembrou que o PP, na comisión informativa celebrada onte, votou a favor das emendas do BNG, mentres que o ano pasado votou en contra de que o goberno fixera un novo estudo da auga, tal e como propoñía o Bloque.

Respecto á proposta do incremento do 2% nos ingresos mínimos exentos de taxas, Iolanda Veloso manifestou a preocupación do BNG pola “cantidade de persoas empobrecidas polo aumento do desemprego, a subida de impostos e os novos pagos que as familias teñen que facer”, entre os que mencionou os libros de texto dos nenos e nenas.

“Atopámonos un sistema fiscal inxusto, que grava a todo o mundo por igual e no que se paga o mesmo imposto por un lapis que por un iate”, denunciou a concelleira do BNG. Neste sentido explicou que o grupo nacionalista defende a compensación aos establecementos cuxos produtos sufriron o incremento do IVE do 8 ao 21%, mediante a exención da taxa do lixo. Estes locais comerciais son cines, droguerías, florerías, papelarías, perruquerías, ximnasios e clínicas veterinarias.

Análises electorais fóra de lugar

Na segunda quenda de intervención, e tras a análise dos resultados electorais que fixo o concelleiro do PP, Iolanda Veloso asegurou que esas manifestacións “tan fóra de lugar” demostran por que había había que sacar este pleno do periodo electoral. “Temos a impresión de estar noutro pleno. Non vimos aquí a facer unha análise dos resultados das eleccións, senón a falar das taxas e impostos que van pagar os vigueses e viguesas”.

Para a concelleira do BNG, a finalidade do pleno de hoxe é “reclamar que as persoas que menos teñen paguen menos”, e non debatir sobre as eleccións do pasado domingo. “Estamos falando da xestión dos recursos públicos”, subliñou.