Iolanda Veloso demanda á Deputación que corrixa xa as bases dos campamentos e deixe de ofender

Iolanda Veloso demanda á Deputación que corrixa xa as bases dos campamentos e deixe de ofender

 

A portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, reclamou á Deputación de Pontevedra que solucione “xa” a discriminación de nenos e nenas con diversidade funcional plasmada nas bases de campamentos que organiza este organismo, “que se calen e deixen de ofender ás familias afectadas”.

Iolanda Veloso asegurou que hai multitude de familias ofendidas debido a esta exclusión, “que calquera pode comprobar vendo a páxina web da Deputación provincial”, apunta e as xustificacións esgrimidas onte desde este organismo. Segundo subliña, “a única resposta válida a esta situación é que esta institución corrixa a convocatoria e se cale xa”.

“Dicir que os nenos e nenas con discapacidade non poden ir ás tendas de campaña que se utilizan nos campamentos son escusas de mal pagador e ofensivas para moitas familias”, subliña a nacionalista en referencia ás explicacións esgrimidas onte dende a Deputación provincial e á reacción posterior das persoas afectadas.

A portavoz municipal do BNG insta á institución provincial a “que deixe de xustificar o inxustificable, porque se os nenos e nenas non poden ir aos campamentos de A Lanzada ou de Príncipe Felipe é simplemente porque non os deixan, tal e como pon claramente na convocatoria”.

Sobre as chamadas telefónicas das persoas interesadas como método para poder participar nos campamentos deste organismo, Iolanda Veloso destacou que “só fai confirmar o que pensa o BNG sobre a Deputación de Pontevedra, que é unha institución caciquil ao servizo do PP”.

Iolanda Veloso demanda á Deputación que corrixa xa as bases dos campamentos e deixe de ofender