Iolanda Veloso denuncia o gasto de cartos públicos en instalacións pechadas e inservibles en Teis

Iolanda Veloso denuncia o gasto de cartos públicos en instalacións pechadas e inservibles en Teis

O grupo municipal do BNG fixo este mércores un percorrido por diferentes instalacións do barrio de Teis, como son o centro sociocomunitario de Ríos, inagurado en marzo de 2011 polo alcalde e sen abrir, e as instalacións deportivas da ETEA, aínda sen rematar. Diante desta situación, a portavoz municipal do BNG criticou a utilización de cartos públicos para facer instalacións que “ou ben non se lles da uso durante anos ou ben directamente non se poden utilizar porque é inservible”.

Durante a visita, na que tamén participaron representantes da Asociación Veciñal de Teis e usuarios das pistas de skate da cidade, Iolanda Veloso convidou a PP e PSOE a visitar o barrio e “pelexarse por instalacións que non están facendo no barrio, en lugar de pelexar por outras instalacións que nin saben como se fixeron”, en relación aos complexos de auga de Forida e Barreiro.

Para a portavoz municipal nacionalista é “inaceptable” que un centro como o sociocomunitario de Ríos permaneza pechado dende que foi rematado en 2011. “Non están os tempos para tirar cos fondos públicos nin para deixar esmorecer instalacións recén contruidas que tanta falta fan na cidade”, criticou.

A respecto do polideportivo da ETEA, pola súa banda, denunciou que siguen pechado “igual que cando viñemos na anterior visita en maio do ano pasado e igual que estaba o campo de fútbol”. Para a portavoz do BNG é un “despropósito” que o goberno local non acometa a reforma e abra xa o pavillón.

Deficiencias nas pistas de patinaxe e skate

No tocante ás pistas de skate e patinaxe, que está construindo a Xunta cun orzamento de arredor de 800.000 euros, e tras escoitar a opinión dos usuarios, Iolanda Veloso criticou que se trata dunha instalación “con múltiples perigos que presenta graves deficiencias que impiden a súa utilización”.

Neste sentido especificou que as curvaturas da pista de skate son inadecuadas para a práctica deste deporte, que debería estar separada do paseo; o banco e a farola non deberían estar situadas tan cerca da pista, posto que poden provocar accidentes; a baranda da pista de patinaxe é inadecuada, xa que non permite o agarre continuo dos nenos; e, finalmente, sinalou que “é inconcebible que a alguén se lle ocorra poñer grava entre unha pista de patinaxe e outra de skate”.

A nacionalista alertou de que con esta pista de skate aconteza o mesmo que a instalada no Areal, que tivo que ser retirada porque non se podía utilizar. “Preocúpanos que se fagan así as cousas e que se gasten os cartos en instalacións que non valen”, manifestou.

Tanto dende a Asociación Veciñal de Teis como por parte dos usuarios criticouse a inexistencia de aseos e lamentouse que non se teña en conta a opinión dos usuarios, que segundo lembraron “xa avisaron con tempo de que esta pista non vale”..

 

Iolanda Veloso denuncia o gasto de cartos públicos en instalacións pechadas e inservibles en Teis