Iolanda Veloso subliña que a construción do novo hospital pon de manifesto “as mentiras do PP"

Iolanda Veloso subliña que a construción do novo hospital pon de manifesto “as mentiras do PP"

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, asegurou que o proceso de construción do novo hospital de Vigo, que leva paralizado dende hai un ano, pon de relieve “as múltiples mentiras do PP”. Para a nacionalista, os feitos desminten os beneficios dos que falaban os dirixentes populares sobre o modelo de financiamento privado.

“Non é para alegrarse que haxa un grupo de empresas privadas que conseguira o financiamento, posto que confirma que será un hospital privado e que Vigo non terá hospìtal público”, destacou Iolanda Veloso sobre as informacións que aseguran que a UTE logrou o préstamo de 250 millóns que precisa para rematar o centro hospitalario.

Para a portavoz municipal do Bloque, o sector público é “o único que pode garantir que haxa realmente un hospital público”. E tendo en conta que o financiamento pechado pola construtora conta co respaldo do Banco de Europeo de Inversiones e polo ICO, Veloso defendeu que a Xunta “xa podería terse esforzado así para facer un hospital público”.

Nin áxil nin eficaz

“O que nos contaron das vantaxes do modelo privado queda demostrado que é falso”, subliña a nacionalista, para quen a paralización da construción desde hai un ano desmonta a idea de que o modelo privado 'é máis áxil', defendida en reiteradas ocasións polos dirixentes populares.

Segundo denunciou Iolanda Veloso, na área sanitaria de Vigo “non só estamos diante dun hospital paralizado no que se reduciron servizos, senón que temos a maior lista de agarda de todo o país e o novo hospital será un minihospital que estará saturado antes de abrir”.

Para o Bloque, o modelo empregado polo PP para facer o novo complexo hospitalario da cidade non garante axilidade na construción nin eficacia á hora de ofrecer servizos sanitarios axeitados á área sanitaria viguesa.

 

Iolanda Veloso subliña que a construción do novo hospital pon de manifesto “as mentiras do PP"