Otero advirte das consecuencias do TTIP para o comercio local e defende un Vigo libre de recortes

Otero advirte das consecuencias do TTIP para o comercio local e defende un Vigo libre de recortes

O candidato nacionalista e o portavoz nacional participaron nun acto de protesta ante o consulado de Alemaña coa presenza figurada de Merkel, Obama e Rajoy contra o tratado

O Bloque anima a participar na mobilización que terá lugar o vindeiro sábado na Farola de Urzáiz

 

ACTO BNG CONTRA TTIP EN VIGO2Vigo, 15 de abril de 2015.- O BNG elixiu a sede do consulado alemán en Vigo para un acto de protesta contra o Tratado de Libre Comercio e Investimentos UE-EEUU (TTIP) que contou coa presenza figurada da chanceler Angela Merkel, do presidente norteamericano, Barack Obama, como máximos representantes dos poderes que impulsan este tratado, e con Mariano Rajoy, como “extra convidado” nunha negociación de costas á cidadanía.

O candidato BNG-Asembleas Abertas en Vigo, Serafín Otero, salientou que como motor industrial, Vigo estaría especialmente afectada polo tratado tanto nas desregulación laboral, “nunha cidade feita de traballo”, como polo que afecta ao comercio local.

“Propoñemos un concello libre de recortes, libre de Troika, e libre de tratados como este que só traen beneficios para uns poucos”, explicou Otero, tras advertir que a clase traballadora “xa sufrimos recortes terribles en dereitos laborais e o TTIP vai traer unha desregulación laboral total empeorando a situación”.

Otero chamou a atención sobre as consecuencias para os sectores produtivos da cidade, “en particular no comercio e na contratación de servizos públicos, tamén desde a Administración local”, e convidou a participar na manifestación prevista na cidade olívica este sábado en contra do tratado, que tamén implica a privatización de servizos públicos básicos que en Vigo afecta en particular a sanidade.

acto bng contra ttip en vigo3

Para o portavoz nacional, Xavier Vence, que participou no acto en Vigo, o tratado “supón a radicalización do modelo neoliberal de devastación dos sectores produtivos do país, de devastación do modelo social e de privatizacións masivas dos servizos públicos, en particular a sanidade, reforzando a estratexia na que xa está o PP”.

Debate secuestrado

O dirixente nacionalista criticou o “secuestro” do debate ante un tratado que outorga un poder case ilimitado ás multinacionais á hora de definir a calidade dos produtos alimentarios, as condicións de traballo, dos servizos públicos e deixa en mínimos a protección do medio ambiente en aras dun suposto desenvolvemento económico.

“Negóciase ás costas da xente por un grupo en Bruxelas e Washington para ocultar os resultados nefastos para a poboación, de consecuencias desastrosas para o emprego, servizos públicos, para o modelo de consumo e para a calidade de vida da cidadanía”, advertía Vence.

ACTO BNG CONTRA TTIP EN VIGO (1)

Neste sentido, o Bloque fixo un chamamento á mobilización da cidadanía á que insta a participar nas manifestacións previstas para o vindeiro sábado contra o TTIP, dentro da xornada europea contra o tratado. “Todo o país debe unirse para parar esta ignominia e esta traizón que o PP tenta colar de tapadillo ao conxunto da cidadanía”, declarou.

O BNG demanda a retirada do tratado para “preservar” as conquistas laborais, os servizos públicos, defender o sistema produtivo do país, as pequenas e medianas empresas e o comercio que, advirte Vence, co TTIP quedarían a pairo das grandes cadeas de distribución transnacionais.

 

Otero advirte das consecuencias do TTIP para o comercio local e defende un Vigo libre de recortes