Otero: "Cómpre abrir un novo rumbo, lonxe tanto da política de inauguracións como da de recortes"

Otero: "Cómpre abrir un novo rumbo, lonxe tanto da política de inauguracións como da de recortes"

remate presentación candidaturaBo día amigos e amigas,

Presentamos a nosa candidatura, do BNG Asembleas Abertas como reflexo do que queremos ser. Un instrumento ao servizo da veciñanza. Unha ferramenta participativa e aberta para transformar a realidade. Unha candidatura plural e diversa para unha cidade plural e diversa. E sobre todo unha equipa de 34 mulleres e homes que temos en común o compromiso, e a firme vocación de cambiar as cousas en beneficio da maioría.

Catro anos perdidos son demasiado tempo. Vigo precisa dun cambio de rumbo. Unha mudanza que, para o BNG, pasa por poñer os problemas reais e as necesidades do pobo por diante como primeira tarefa.

É tempo de abrir un novo ciclo, e tempo de acabar coas políticas de inauguracións, que ignoran os problemas reais da xente, e tempo de pechar portas en Vigo as políticas de recorte impostas xa pola dereita na Xunta e tamén en Madrid, nós temos vontade de ser a alternativa útil de cambio, desde o nacionalismo e da esquerda.

presentación candidatura oteroO BNG encaramos as eleccións do próximo 24 de maio co compromiso de continuar estando ao lado de quen están a padecer máis duramente os efectos da crise e tamén das políticas antisociais impulsadas polo bipartidismo español. Do lado da clase traballadora, das persoas desempregadas, das familias empobrecidas baixo ameaza da total exclusión social, da mocidade que quere ter futuro na súa cidade en lugar de ter que emigrar, e tamén do pequeno comercio local, asfixiado pola crise e pola falla de políticas que o impulsen.

Queremos levar a indignación social dende as rúas até o Salón de plenos, para converter esas gañas de cambio en políticas transformadoras. A nosa proposta é un cambio de rumbo que transforme a cidade, poñendo todas as capacidades e todos os recursos do Concello ao servizo das necesidades sociais. E farémolo atendendo a 5 ideas forza.

AS NECESIDADES SOCIAIS SON A PRIORIDADE.. Centraremos os esforzos en combater os efectos sociais da crise e das políticas de recorte da dereita. Reforzaremos as políticas sociais para combater a pobreza e a exclusión social, con medidas como a gratuidade do bus para persoas desempregadas e a progresividade nas taxas municipais, para que pague máis quen máis ten. Aumentaremos as partidas orzamentarias de Benestar Social.

intervención serafín 2Queremos volver facer de Vigo UNHA CIDADE PARA TRABALLAR. Combateremos o desemprego e pularemos pola igualdade. Promoveremos o desenvolvemento das capacidades produtivas de Vigo e a ampliación da economía pública, para crear oportunidades laborais en condicións dignas. Poremos en marcha un Plan de Choque contra o desemprego xuvenil e medidas en favor das mulleres e das persoas con discapacidade.

Practicaremos a insubmisión ás políticas antisociais impostas por Madrid e a Xunta, baixo a premisa de CERO RECORTES E MÁIS SERVIZOS. A xestión pública pon o interese xeral por riba do negocio privado. E por iso apostamos por traer de novo ao concello as concesións da auga e o transporte urbano. Daremos prioridade o investimento en dotacións, como escolas infantís ou instalacións culturais e deportivas, para a mellora dos servizos á veciñanza.

Queremos devolver o Concello ao pobo, apostando por unha verdadeira DEMOCRACIA VECIÑAL. Sen participación non hai democracia. É necesario poñer en marcha un novo regulamento de participación cidadá, que inclúa a obrigatoriedade de consultar á veciñanza e aos colectivos sobre os principais asuntos, e con orzamentos participativos, mais tamén facendo transparentes as paredes dos despachos para desterrar corrupcións, corruptelas e tratos de favor. Sen enchufes a familiares nin amizades, nin negocietes privados co formigón pagado con cartos públicos. A veciñanza de Vigo merece dun goberno que non estea baixo sospeita asediado por causas xudiciais.

O noso proxecto de cidade é o dun VIGO SOSTIBLE EN REDE, recuperando o espazo urbano para as persoas nun Vigo máis verde. Potenciaremos o transporte colectivo, a intermodalidade e o uso peonil do espazo público. Aumentaremos a protección ambiental e continuaremos a recuperar o noso litoral. Poremos en marcha unha nova política de residuos e iniciaremos a descentralización político-administrativa cara aos barrios e parroquias.

vence presentación candidatura bng 3Amigas e amigos, a nosa proposta política nace de Vigo e para Vigo, pero como nacionalistas, nace tamén coa vocación de facer país dende a cidade. O noso reto é mudar Vigo para transformar Galiza. Facendo da nosa cidade o motor dun proxecto de reconstrución nacional, coa recuperación e promoción do galego nos distintos ámbitos da cidade e unha nova política cultural, apoiándose na que se fai dende a base, e fomentando o seu desenvolvemento en rede, tendo ao pobo como suxeito. Recuperando a nosa maior riqueza: a nosa propia identidade.

Vigo só terá futuro nunha Galiza con futuro. Partindo da concepción de que ser vigueses e viguesas non é outra cousa que o xeito de ser galegos e galegas en Vigo, promoveremos un cambio de rumbo para a cidade, orientado tamén a axudar a facer realidade a transformación do noso país.

Vigo non pode continuar illada, nin da súa contorna metropolitana nin do conxunto de Galiza, como teñen provocado tanto a demagoxia hiperlocalista e a confrontación institucional, como o grave abandono que a cidade padece por parte da Xunta, da Deputación provincial e do Goberno español en mans do Partido Popular. Esixiremos con diálogo, pero tamén con firmeza, a fin do abandono da cidade e a implicación das restantes administracións para atender os grandes retos e necesidades que temos por diante.

Esta é a nosa aposta. Entender a cidade non só como un espazo, senón como unha trincheira na loita pola xustiza social e a igualdade real en Galiza. Sen grandes promesas. Sen mesías de moda con grandes discursos nin solucións máxicas para todo. Nós contamos coa experiencia política, co coñecemento e o traballo acumulado do BNG durante moitos anos de traballo, fóra e dentro das institucións. Nós non partimos de cero.

presentación candidatura públicoPartimos con ilusión e co compromiso de traballar pola xente da nosa cidade. Aquí está o Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas. Con propostas claras de futuro e con equipo. Un equipo de mulleres e homes con acreditada experiencia no activismo social, xuvenil, feminista, sindical ou veciñal. Compañeiros e compañeiras, da cultura e na defensa do idioma, do deporte base que tantos éxitos ten dado a nosa cidade, compañeiros e compañeiras, que lideraron as mobilizacións na defensa da sanidade o do ensino publico, o as mobilizacións da Marcha mundial das mulleres, algunhas con carné do BNG e outras sen el, persoas que representan a loita contra o empobrecemento, contra as políticas de recorte social, contra o desmantelamento dos nosos servizos públicos e a destrución dos sectores produtivos que tanta riqueza xeraron na nosa cidade (a pesca, a conserva, a industria naval..,), e contra o retroceso vertixinoso en materia de dereitos civís e liberdades democráticas.

Estes últimos catro anos fixeron evidente e urxente a necesidade dun cambio de liderado na cidade. Un cambio dende a esquerda e o nacionalismo, para facer da cidade un territorio libre de recortes. A veciñanza necesita un Goberno local sen actitudes sectarias nin propagandísticas, sen fotos nin inauguracións na colocación de losetas, sen barcos nas rotondas, sen símbolos fascistas. Un Goberno local que poida escoitar e ver os problemas reais das persoas.

O BNG temos as ideas, a capacidade e o equipo para facer ese cambio posible. Aspiramos a ser unha ferramenta ao servizo da veciñanza de Vigo, para lograr algo revolucionario: facer que sexa posible o que xa sabemos que é necesario.

DEPENDE DE NÓS

Moitas grazas!