O pleno aproba o documento do BNG para potenciar o aeroporto de Peinador

O pleno aproba o documento do BNG para potenciar o aeroporto de Peinador

O BNG acadou o respaldo do pleno, cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP, para aprobar a emenda presentada ao documento do goberno local sobre o aeroporto de Peinador. Entre outros aspectos, a proposta nacionalista insta ás diferentes administracións implicadas, Deputación, Xunta e goberno do Estado, a asumir as súas competencias e a que a Xunta garanta o trato igualitario dos tres aeroportos galegos, atendendo a cada un deles segundo as súas necesidades

Iolanda Veloso defendeu na súa intervención a necesidade de facer “unha fronte común” que permita impulsar Peinador e de chegar a acordos. Ademais de indicar que as leas “non levan a ningún sitio” lembrou que os problemas actuais da terminal viguesa son consecuencia das decisións políticas tomadas polo goberno do Estado e da Xunta, administracións ás que instou a asumir as súas consecuencias.

O documento do BNG aprobado hoxe destaca que no descenso continuado de tráfico, rutas e pasaxeiros incide de forma significativa e fundamental a competencia desleal que está a sufrir o aeroporto de Vigo. Neste sentido, a portavoz nacionalista sinalou que Peinador recibiu o 10% das axudas recibidas por Labacolla.

O pleno do concello de Vigo acordou Implantar, recuperar e potenciar as distintas rutas do aeroporto de Peinador, así como reclamar á Xunta que destine, cando menos, a mesma cantidade ao aeroporto vigués que ao resto dos aeroportos galegos.

Asemade, o documento aprobado insta á Deputación a asumir as súas competencias de promoción turística destinando, de acordo coa Xunta de Galicia, a cantidade precisa para cubrir as necesidades de financiamento dun aeroporto que presta servizo a toda a provincia.

Compensación

Segundo o documento do Bloque, o Concello de Vigo aceptaría unha política baseada na inexistencia de axudas directas ou indirectas a ningunha compañía aérea nin aeroporto por parte de institución algunha sempre e cando se resarza ao aeroporto de Vigo do diferencial de axudas non recibidas nos anos 2012 e 2013.

A respecto do goberno local, aprobouse que levará a cabo a planificación e desenvolvemento dun centro loxístico para realizar actividades industriais, de transporte e de distribución comercial co obxectico de converter Peinador nun aeroporto relevante no tráfico de mercadorías.

En base ao texto aprobado, a administración local tamén debe mellorar os enlaces e frecuencias de interconexión directa entre a estación de tren, porto e estación de autobuses co aeroporto mediante transporte urbano, así como asumir a promoción e difusión do aeroporto e dos seus accesos na cidade.

Prema aquí para ver o documento aprobado sobre Peinador

O pleno aproba o documento do BNG para potenciar o aeroporto de Peinador