O pleno aproba a moción do BNG que insta á Xunta a obrigar a Povisa a readmitir aos traballadores

O pleno aproba a moción do BNG que insta á Xunta a obrigar a Povisa a readmitir aos traballadores

Iolanda Veloso critica a inacción da Consellería de Sanidade e de Inspección de Traballo diante da política de persoal deste centro hospitalario

 

 

pleno marzo IolandaVigo, 30 de marzo de 2015.- O BNG acadou o respaldo do pleno para aprobar a moción que reclama ao goberno galego que esixa a Povisa a readmitir aos 13 traballadores e traballadoras despedidos aos que o 27 de febreiro lles comunicou a extinción do seu contrato. Ademais, a iniciativa nacionalista reclama que este centro hospitalario rectifique a súa política de persoal e cumpra o convenio co Sergas polo que ingresa máis de 600 millóns de euros.

“Estamos fartas de oír ao Partido Popular dicindo que aqueles que defendiamos a sanidade pública e que cuestionabamos un convenio como este hospital privado era porque non nos preocupabamos dos despedimentos dos traballadores de Povisa”, criticou Iolanda Veloso, quen asegurou que os despedimentos non teñen “ningún tipo de xustificación”.

A portavoz do Bloque denunciou que malia renovar o convenio o pasado mes de setembro, os traballadores e traballadoras non só seguen a ser despedidos, senón que o hospital mantén unha política de persoal “baseada na represión, ameazas, despedimentos e arbitrariedade”.

País de marabilla

Iolanda Veloso criticou o “país de marabilla” no que segundo a concelleira popular Teresa Cendón se atopa a sanidade pública. ”Dixo que non se incrementaran as listas de espera, debe ser que xa non lle parece un problema que sexan o triple que na media galega, ou cando nos dan cita para dentro dun ano e medio ou cando non se nos dan os tratamentos que necesitamos”, criticou.

“Fronte a esta situación, a Consellería de Sanidade non fai nada e a Inspección de Facenda tampouco”, denunciou a portavoz do BNG, quen tamén criticou que a edil do PP falase da liberdade de elección do hospital. “Fala de liberdade de elección cando nós trouxemos unha moción na que pedimos que se facilitase información para poder elixir e non a aceptaron”, sinalou.

Por outro lado, Iolanda Veloso demandou que ao Sergas se lle faga cumprir as disposicións e normas de aplicación establecidas polo Sergas para os seus centros propios e que se non os cumpre “se lle apliquen as sancións segundo figuran no convenio”.

Pregunta sobre Castrelos

Na quenda de preguntas, o concelleiro Xabier Alonso preguntou ao goberno se conta cos permisos de Patrimonio para as obras de asfaltado de Castrelos, así como o obxectivo desta actuación. “Contestaremos por escrito”, foi a resposta do alcalde ao respecto.

 

O pleno aproba a moción do BNG que insta á Xunta a obrigar a Povisa a readmitir aos traballadores