Serafín Otero: “Apostamos pola cooperación entre concellos para prestar mellores servizos á xente”

Serafín Otero: “Apostamos pola cooperación entre concellos para prestar mellores servizos á xente”

Os candidatos á alcaldía de Vigo e Redondela e a candidata de Gondomar presentaron as propostas metropolitanas en mobilidade, emprego e medio ambiente

 

rolda propostas comarcaisVigo, 18 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, destacou a importancia da colaboración entre os distintos concellos “para prestar os mellores servizos á poboación” nun encontro celebrado cos diferentes cabezas de lista das candidaturas na área de Vigo. Nesta xuntanza a candidata á alcaldía de Redondela, Manuela R. Pumar, presentou as propostas relacionadas coa mobilidade; e o candidato á alcaldía de Redondela, Xosé Carlos González, explicitou as iniciativas relativas ao emprego e medio ambiente.

“Entendemos que necesitamos ter en conta a nosa contorna se queremos medrar”, subliñou Serafín Otero, no encontro no que tamén participaron Iago Pereira, candidato á alcaldía de Baiona; Xosé Antonio Freaza, candidato á alcaldía de Fornelos de Montes; Xavier Rodríguez, candidato en Nigrán; Xurxo Álvarez, candidato en Pazos de Borbén. Pola súa banda, desculpouse a ausencia do candidato de Mos, Miguel Aldea, quen non puido participar por motivos laborais.

O candidato nacionalista á alcaldía de Vigo apuntou que a realidade metropolitana vai “moi por diante” das políticas públicas desenvolvidas para darlles resposta aos retos e necesidades que determina, polo que salientou que no Bloque “apostamos pola creación de servizos metropolitanos como forma de mellorar á atención á poboación”.

Competencias e financiamento

“A articulación supramunicipal é indispensábel para mellorar a prestación de servizos á cidadanía, e tamén para un mellor aproveitamento das oportunidades da nosa inserción no eixo Atlántico e na eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”, destacou.

xuntanza propostas comarcaisNeste sentido subliñou que a Área Metropolitana de Vigo “non será unha realidade eficaz se non se dota de competencias e financiamento para planificar e xestionar servizos metropolitanos”, e defendeu que é o momento de “poñer fin á confrontación partidaria entre PP e PSOE” e de “dar pasos concretos desde o diálogo entre administracións e a cooperación entre concellos”.

Transporte metropolitano intermodal

A candidata do BNG á alcaldía de Gondomar, Manuela R. Pumar, subliñou a necesidade de que o transporte metropolitano sexa intermodal precisamente tendo en conta os graves problemas de comunicación que sofre este concello do Val Miñor con Vigo. Neste sentido propuxo a creación dunha rede de intercambiadores intermodais, onde teñan cabida o transporte por estrada, o marítimo e o ferroviario

“Tendo en conta esta realidade económica e social esiximos a urxente implantación dun verdadeiro sistema de transporte metropolitano”, destacou Manuela Rodríguez, quen considerou que para a súa posta en funcionamento é necesaria a constitución dun “ente xestor do transporte, de carácter público e ámbito metropolitano, integrado polos Concellos e Xunta”.

A dotación dun sistema tarifario integrado, e un plan metropolitano de mobilidade, que se complemente con plans de mobilidade urbana nos distintos concellos da área, son outras dúas das propostas defendidas pola candidata nacionalista, quen defendeu asemade Defendeu asemade a implantación dalgunha modalidade de transporte articulado, como o metro lixeiro, e a recuperación do noite-bus para transporte nocturno en fin de semana.

Segundo destacou Manuela Rodríguez cómpre acometer a eliminación das peaxes Cabana-Rande e a autoestrada do Val Miñor, na súa dobre vertente Puxeiros-Baiona e Puxeiros-As Gándaras, e a mellora da conexión intermodal coas principais infraestruturas, como aeroporto, porto, e PLISAN.

No eido ferroviario falou da avogou pola posta en marcha do tren de proximidade para conectar os eixos Vigo-Pontevedra e Vigo-Tui-Condado, así como aparcamentos disuasorios, o dobre carril na subida na estrada Vigo-Pontevedra e as circunvalacións nos núcleos urbanos.

Reindustrialización sustentable

Xosé Carlos González, pola súa banda, subliñou que no actual contexto de crise e desemprego é fundamental “articular e coordinar esforzos en materia de promoción do emprego e da actividade económica no conxunto da comarca e da área metropolitana”.

Segundo asegurou, o BNG vai impulsar a “reindustrialización sustentábel da bisbarra, prestando especial atención a sectores estratéxicos como o comercio, o naval, a automoción, a conserva e a construción”. Destacou asemade que en colaboración coa Universidade de Vigo cómpre crear un centro metropolitano para o impulso das tecnoloxías e o I+D+i, como ferramenta para a diversificación da actividade produtiva.

Alternativa a Sogama

“NO BNG – Asembleas Abertas tamén temos propostas no eido do medio ambiente”, destacou o candidato do Bloque á alcaldía de Redondela, quen defendeu a necesidade de impulsar unha nova política de residuos, “que poña as bases para abandonar o modelo de Sogama, caro, ineficiente e ambientalmente insostíbel”, asegurou.

Ao seu xuízo é preciso “coordinar un plan comarcal de residuos sólidos urbanos, centrado na redución, na reutilización e na reciclaxe”. “Cremos que é preciso mancomunar esforzos, polo que impulsaremos a posta en marcha dunha planta metropolitana de compostaxe e a recuperación de entullos de obra como materiais para novas construcións”, afirmou.

Xosé Carlos González destacou ademais, que a recuperación de servizos públicos esenciais como o subministro e saneamento da auga debe desenvolverse tamén procurando sinerxías entre os diferentes concellos. “Como primeiro paso entendemos necesario conformar unha mesa comarcal da auga, na que os diferentes municipios poñamos en común as nosas necesidades e problemáticas específicas, como un instrumento para achar solucións compartidas”, concluíu.