Serafín Otero: “Para o BNG a recuperación da memoria histórica é un compromiso político”

Serafín Otero: “Para o BNG a recuperación da memoria histórica é un compromiso político”

O candidato nacionalista defende que hai unha ampla maioría social en Vigo que se sente ofendida pola existencia da cruz do Castro e critica que o xuízo ao activista de Coia é o resultado do talante autoritario do alcalde

 

 

protesta xuizo Vigo, 11 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG nas vindeiras eleccións, Serafín Otero, fixo unha valoración da sentenza emitida polo TSXG sobre a cruz do Castro e destacou que este documento di que “por dous votos a un, resolven que o Concello non está obrigado a tirala”. Porén, afirmou que para o BNG “a recuperación da memoria histórica non é unha mera obriga legal, é un compromiso político”, polo que asegurou que a cruz fascista do Castro ten “data de caducidade: 25 de maio de 2015”.

 

“Á marxe do debate xurídico, onde é evidente que non hai consenso, e  do percorrido legal que inda lle reste existe unha ampla maioría social en Vigo que se sente avergoñada e ofendida porque en pleno centro da cidade se manteña en pé até hoxe un símbolo de 12 metros de exaltación ao fascismo que asasinou, torturou e reprimiu durante corenta anos”, subliñou o candidato nacionalista.

Serafín Otero afirmou que o Bloque “si será consecuente cos nosos principios, non como este goberno local”. Neste sentido comentou que varios concelleiros e dirixentes do PSOE asinaron a petición de derrubar a cruz “e logo desdicíronse”. Segundo destacou, reparar a memoria das vítimas e reivindicar o seu legado de loita pola democracia e a xustiza social “é incompatíbel con que continúe en pé”.

Xuízo do activista de Coia

A respecto do xuízo celebrado esta mañá contra o activista de Coia contrario á colocación do Bernardo Alfageme a rotonda, Otero asegurou que se trata “dun xuízo resultado do talante autoritario dun alcalde que se nega a escoitar algo diferente a palmas e aplausos”. Destacou o absurdo de que un veciño de Coia se enfronte á posibilidade de ingresar en prisión “a consecuencia dun operativo policial que nunca se debeu ter producido”.

Neste sentido afirmou que “é insólito na cidade que un goberno decida utilizar a policía local como a súa garda pretoriana”, para tentar poñer fin pola forza unha protesta veciñal que sempre se desenvolveu de maneira pacífica. “Vigo merece un alcalde que escoite a veciñanza, que dialogue con quen discrepa das súas decisións en lugar de optar pola represión. O tempo dos déspotas con complexo de Napoleón rematou”, manifestou.

 

Serafín Otero: “Para o BNG a recuperación da memoria histórica é un compromiso político”