Serafín Otero defende a creación de 800 prazas de educación infantil nos próximos 4 anos

Serafín Otero defende a creación de 800 prazas de educación infantil nos próximos 4 anos

O candidato do Bloque subliña que ningunha crianza pode quedar sen praza e propón novos centros en Travesía, Teis, Florida e O Calvario

 

propostas ensino infantilVigo, 4 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, salientou que un dos “eixos centrais” do programa do Bloque radica na política de “cero recortes” no Concello de Vigo e a necesidade de ampliar as dotacións públicas. Nesta liña destacou a proposta de aumentar en 800 as prazas para ensino infantil de 0 a 3 anos nos vindeiros catro anos.

“Hai que ter en conta que o ano pasado só tiveron acceso a praza un de cada tres nenos e nenas, e 732 quedaron fóra desa oferta”, denunciou o candidato nacionalista, mentres que apenas 359 foron as prazas concedidas, segundo os datos da Concellería de Educación. Tendo estas cifras en conta Otero sinalou que a ampliación de 800 prazas “sería suficiente” no obxectivo de que ningún neno e nena quedase sen praza.

Emenda do BNG

Serafín Otero destacou que hai “barrios claves” para ampliar a oferta de escolas infantís e en concreto apuntou os barrios de Travesía e Teis, Florida e O Calvario. Lembrou que apertura de dous centros, o de Mestre Goldar (Castrelos) e Navia “vai ser insuficiente”, xa que só engadirán como máximo outras cen prazas cada unha. “Pero temos que recordar que esta proposta é unha emenda do BNG aos orzamentos municipais aprobada polo Concello de Vigo”, subliñou ao respecto.

O candidato do Bloque fixo fincapé noutras “propostas complementarias”, como a ampliación dos horarios nos centros “para ter unha mellor conciliación na vida laboral das familias” e dos servizos que ofrecen, como os coñecidos cos nomes de “espertar xogando” ou “madrugadores”, segundo os centros.

Outra das medidas defendidas refírese ao aumento das partidas de becas para material escolar e comedores. “Debería facerse máis efectivo, ou cando menos ampliarse, o servizo de orientación para asesorar as familias e detectar os casos de exclusión e pobreza infantil”, apuntou Otero, lembrando datos do Valedor do Cidadán, segundo os que a pobreza infantil “vai en aumento”.

Pola súa banda, o candidato 17 da lista do BNG – Asembleas Abertas, Xosé Manuel Atanes, subliñou a importancia desta proposta debida a deficiente oferta existente en Vigo, onde hai 7 escolas infantís. “Tanto o número de prazas como de escolas infantís é deficiente e as familias teñen que buscar outras alternativas para levar aos rapaces”, asegurou.

 

Serafín Otero defende a creación de 800 prazas de educación infantil nos próximos 4 anos