Serafín Otero defende a creación dun parque de vivenda social

Serafín Otero defende a creación dun parque de vivenda social

O candidato nacionalista mantivo unha xuntanza cos representantes de Aproin na que lles trasladou as principais propostas urbanísticas do BNG

 

xuntanza aproinVigo, 28 de abril de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, destacou que para a formación nacionalista é imprescindible “poñer por diante as persoas” no deseño urbanístico da cidade. Así o explicou no encontro que mantivo con representantes da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra (Aproin), e na que tamén participaron o candidato 5, Manuel Caride, e o concelleiro Xabier Alonso.

En consonancia con esa idea de priorizar as persoas, Serafín Otero defendeu a posta en marcha dun parque de vivenda social, “planificado polo Concello pero coa colaboración de outras administracións”. Asemade, salientou que o Bloque tamén propón no seu programa a elaboración dun plan de vivenda a oito anos, cuxo principal obxectivo é o de facilitar un aloxamento digno e asequible ás persoas con máis dificultade.

O candidato nacionalista resaltou as coincidencias entre estas propostas nacionalistas e as dos representantes de Aproin. “Para nós é importante que os empresarios tamén entendan que o urbanismo poda ser unha ferramenta para resolver os problemas da cidadanía para acceder á vivenda”, afirmou.

Outro dos aspectos coincidentes se refire á diagnose da situación urbanística actual, “practicamente sen traballo e practicamente parada”, comentou Otero. “Coincidimos en darlle axilidade ao desenvolvemento do Plan Xeral, aprobado e que cumpre a legalidade, tratando de adaptalo o máximo posible á situación real, corrixindo os ámbitos que sexa necesario actualizar. Tardou moitos anos e nalgún momento haberá que poñelo en marcha”, manifestou.

Reformulación da Xerencia

Serafín Otero destacou ao respecto que para axilizar o desenvolvemento urbanístico da cidade “entendemos que hai que reformular a Xerencia de Urbanismo”, converténdoa nun un instrumento máis áxil e eficaz. Asegurou que debe ser unha axencia pública e rápida en resolver “todo tipo de expedientes que neste momento están paralizados e moi retrasados”, apuntou.

O candidato nacionalista tamén defendeu a posta en marcha o Consello Sectorial de Urbanismo, “dando a participación necesaria a todas as partes, aos axentes sociais, e que non sexa unicamente consultivo, senón que sexa un consello de participación do conxunto da cidadanía”. Segundo asegurou, este reactivación do consello “vai resolver moitos problemas”.

Preguntado por se os promotores inmobiliarios lle fixeran algunha ‘petición especial’ Serafín Otero comentou que eles sempre fan peticións “e é normal que as fagan. Nós estudarémolas se estamos no goberno municipal e lle daremos resposta. En calquera caso o que si lles trasladamos é que nós lle dariamos toda a participación posible para desenvolver os proxectos que faciliten a xeración de emprego, especialmente os referidos á creación de vivenda social”, concluíu.