Serafín Otero defende no Círculo de Empresarios o emprego digno e a remunicipalización de servizos

Serafín Otero defende no Círculo de Empresarios o emprego digno e a remunicipalización de servizos

O candidato nacionalista propón a posta en marcha dun “plan de choque” contra o desemprego xuvenil e que facilite o retorno da mocidade emigrada

 

visita círculo empresariosVigo, 9 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, participou no almorzo–coloquio dedicado ás vindeiras eleccións municipais organizado polo Círculo de Empresarios – CFV. Neste foro Otero explicou os eixos fundamentais das propostas do Bloque para os vindeiros anos, baixo o epígrafe “Desenvolvemento socioeconómico de Vigo. Propostas de futuro” e centrándose especificamente na creación de emprego e na remunicipalización de servizos públicos.

“Para nós neste momento o emprego é unha cuestión importantísima, e este é o foro perfecto, porque son os empresarios os que o xeneran, pero son os cidadáns os que temos que traballar”, explicou o candidato nacionalista, quen acudiu ao CFV coa portavoz municipal, Iolanda Veloso; a deputada no Parlamento galego, Carme Adán; e a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila.

Serafín Otero insistiu especialmente na necesidade de paliar o desemprego xuvenil e por iso defendeu a posta en marcha dun “plan de choque” desde o Concello. “O obxectivo non só consiste en dar traballo á nosa xente que remata os estudos na universidade, senón tamén poder recuperar aqueles mozos e mozas que tiveron que emigrar para que poidan retornar a Vigo e que poidan ter un traballo decente e en condicións na nosa cidade”, destacou

O candidato do BNG resaltou a importancia de ter “traballo decente e de calidade” tanto nos servizos públicos, como en toda a cidade. “Vigo debe ser unha cidade na que se poida traballar, pero tamén na que os vigueses e viguesas poidan vivir dignamente”, afirmou.

Abastecemento e saneamento da auga

No tocante á remunicipalización de servizos públicos afirmou que para o BNG é “unha cuestión que non podemos pasar por alto”, xa que ao seu xuízo é “irreversible que fagamos un estudo en serio para recuperar aqueles servizos públicos que neste momento están privatizados”.

Neste sentido, Otero lembrou que no pleno correspondente a xaneiro o BNG presentou unha moción reclamando a remunicipalización do abastecemento e saneamento da auga, que non prosperou debido á abstención do Partido Socialista e o voto en contra do Partido Popular.

visita círculo empresarios 2

“Entendemos que hai que seguir insistindo”, subliñou Otero, especialmente nun momento no que unha parte importante dos municipios do estado español o están tratando para que sexa público, así como moitos municipios da Unión Europea. “Entendemos que é unha cuestión que non ten retorno”, asegurou.

Potenciais votantes

“Son consciente de que non estou nun foro de potenciais votantes, pero en principio o BNG cando se presenta a unha eleccións, calqueras que sexan, se presentan para votar para todo o mundo, co cal entendemos que os empresarios tamén hai que falar”, manifestou o candidato nacionalista en resposta á pregunta dun medio.

Así, Serafín Otero continuou explicando ás que “como sindicalista moitas veces chegamos a acordos importantes tamén cos empresarios e que tamén hai que valorar e neste caso para min non vai ser unha cuestión diferente, xa que é unha papel que estou habituado a tratalo”.