Serafín Otero: “Potenciaremos o transporte colectivo para facer de Vigo unha cidade máis sostible”

Serafín Otero: “Potenciaremos o transporte colectivo para facer de Vigo unha cidade máis sostible”

O candidato nacionalista salientou que Vigo precisa unha nova política de mobilidade fronte a falta de preocupación amosada durante anos polo goberno municipal socialista

 

propostas transporte públicoVigo, 21 de maio de 2015.- O cabeza de lista do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, subliñou a aposta polo transporte público “de calidade, sostible e que estea á altura das circunstancias dunha cidade como Vigo”. Partindo da idea de que o transporte é un servizo público e tendo en conta a situación “alarmante de exclusión social” afirmou que a primeira medida que implantaría o Bloque é o bono gratuíto para as persoas desempregadas con escasos recursos.

“O transporte público nos últimos anos practicamente estivo abandonado por parte do goberno municipal”, denunciou o candidato nacionalista, quen criticou que nos últimos anos non fixeron “nin propostas, nin ningún tipo de cambios” para mellorar o transporte colectivo da cidade.

Segundo destacou Otero, “as últimas melloras feitas nos consta que foron as realizadas polo BNG”, en referencia á posta en marcha do bonobús universal, o modelo de liñas circulares e a implantación de outras medidas como o transbordo gratuíto.

Serafín Otero comentou asemade as críticas realizadas por veciños e veciñas sobre as carencias do transporte en relación as conexións insuficientes cos barrios e as parroquias a traxectos demasiado longos, escasas frecuencias e excesivos tempos de espera. Ao respecto criticou que algunhas liñas que fan o seu percorrido polas parroquias teñen unha frecuencia superior a unha hora e afirmou que Beade ou Matamá se atopan en situación de “total precariedade”.

propostas transporte público2Máis conexións co aeroporto

“Cómpre poñer en marcha un novo mapa de liñas, que estea tamén ao servizo das parroquias”, subliñou o candidato do Bloque, e que contemple a ampliación do servizo a aquelas zonas que carecen del ou que é insuficiente, como o caso do hospital Meixoeiro e a Universidade. Neste sentido referiuse asemade á ampliación de liñas con chegada e saída ao aeroporto, coincidindo cos voos de saída e de entrada, e ao novo hospital de Beade, co obxectivo de dar cobertura tanto a pacientes como a traballadores e traballadoras.

Serafín Otero incidíu na necesidade de aumentar as frecuencias das conexións, para cumprir o obxectivo de que o tempo de agarda non pase dos 10 ou 15 minutos. Ao respecto criticou que algunhas liñas que fan o seu percorrido polas parroquias teñen unha frecuencia superior a unha hora, o cal considerou “inadmisible”.

Ademais da implantación urxente do bonobús gratuito para persoas desempregadas en risco de exclusión, destacou que o BNG aposta pola redución do prezo do bono estudantil e do bono universitario. A mellora do sistemas de información para a planificación de rutas en tempo real é outras das iniciativas do Bloque. “Esta información só existe na web de Vitrasa e pensamos que debe figurar tamén na web do Concello”, sinalou ao respecto.