Veloso: “Deben aclarar as contradicións sobre a parcela da Praza Elíptica para vivenda protexida”

Veloso: “Deben aclarar as contradicións sobre a parcela da Praza Elíptica para vivenda protexida”

Tras a celebración da Xerencia de Urbanismo, na que a vicepresidenta decidiu retirar da orde do día a adxudicación referida á parcela da Praza Elíptica, a portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, explicou que o BNG reclamou neste organismo que se aclaren “as contradicións detectadas, xa que se fixo a adxudicación habendo un informe técnico negativo”.

“Pedimos aclaracións sobre a decisión da mesa de contratación, porque o informe é negativo e o acordo da mesa non explica por que, aínda así, lle adxudican o concurso”, destacou Iolanda Veloso. “Agardamos que a próxima vez que o traian á xerencia, que esperamos que sexa canto antes, aclaren as contradicións e xustifiquen suficientemente a proposta de adxudicación que fai a mesa”, engadiu ao respecto.

A portavoz municipal do BNG explicou que segundo o informe técnico da Xerencia, esta parcela supera a edificación máxima e só son adaptadas o 62% das vivendas porque esa é a porcentaxe de prazas de aparcamento adaptadas, polo que recibe só puntuación por esa porcentaxe. Pola contra, o acordo da mesa de contratación recolle que o 100% das vivendas están adaptadas.

“Pese ás consideracións deste informe, a mesa adxudica a parcela. Nós vemos unha contradición manifesta neste caso e por iso pedimos que se votara de forma separada a adxudicación de Vila Laura”, subliñou Iolanda Veloso.

Vivendas protexidas, adaptadas e de calidade

Neste sentido asegurou que a documentación referida a Vila Laura si cumpre os requisitos pertinentes “polo que consideramos que se debía aprobar sen dilación para dar resposta inmediata ás demandas de vivenda protexida da cidade”, destacou.

Iolanda Veloso valorou positivamente a presentación do expediente referido a parcelas destinadas a crear vivenda protexida, pero defendeu que non é de recibo que se produza un acordo de adxudicación habendo un informe técnico negativo. Para a nacionalista é fundamental crear vivendas protexidas e adaptadas a persoas con mobilidade reducida de calidade

Sen representación na mesa de urbanismo

Iolanda Veloso recriminou que, pese a telo solicitado dende o inicio da lexislatura, o BNG non conte con representación na mesa de contratación de Urbanismo. “É a única mesa da que non formamos parte, polo que non temos información directa de por que se toman as decisións. Curiosamente foi esta semana cando nos pediron o nome dos nosos representantes”, apuntou.

Finalmente, a portavoz nacionalista criticou a filtración “por sistema” dos expedientes urbanísticos a determinados medios de comunicación antes de que estean a disposición dos representantes dos respectivos grupos políticos na Xerencia de Urbanismo. “Cada quen é responsable de como fai a súa estratexia de comunicación, pero este non parece o xeito de proceder máis apropiado”, defendeu.

 

Veloso: “Deben aclarar as contradicións sobre a parcela da Praza Elíptica para vivenda protexida”