Veloso: “Vigo precisa un plan global de mobilidade, non medidas puntuais que non solucionan nada"

Veloso: “Vigo precisa un plan global de mobilidade, non medidas puntuais que non solucionan nada"

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, subliñou que “Vigo precisa que se poña en marcha un plan global de mobilidade”, que inclúa medidas a respecto da Xer, o transporte público e os aparcamentos. Por outro lado rexeitou a implantación de “medidas puntuais”, como a comentada polo alcalde nos medios sobre a modificación da Xer, “que non solucionan os problemas de transporte da cidade”.

Iolanda Veloso destacou, neste sentido, que o BNG non coñece a proposta do goberno sobre a modificación da Xer “máis alá do que dixo o alcalde nos medios”, posto que “aínda non foi á Xunta de Goberno nin coñecemos os informes técnicos”. Porén, asegurou que este asunto se inxire nun problema “máis amplo”, como é o de mobilidade, que cómpre tratar polo miúdo.

Modificación das liñas 

A respecto do transporte público, a portavoz municipal nacionalista lembrou que xa por dous veces o BNG denunciou no pleno, a través do concelleiro Xabier Alonso, as dificultades existentes en diferentes liñas. Tamén recordou que o grupo nacionalista reclamou a elaboración dun plan para modificalas.

“Hai necesidades da cidadanía que actualmente non están cubertas, como ir en autobús ao Meixoeiro”, sinalou Iolanda Veloso, quen puxo como exemplo os usuarios e usuarias de parroquias como Zamáns ou Beade. Tamén indicou que hai servizos asistenciais, que non existían cando se fixo a última remodelación das liñas, e que non contan con transporte público, como é a residencia de maiores en Alcabre. E por outro lado, resaltou que hai outras liñas “completamente saturadas”, como acontece coa C3

Segundo defendeu a portavoz do BNG, a situación do transporte público vigués é “un auténtico caos”. Para a nacionalista, unha mostra do que acontece na cidade é que, neste momento de forte crise económica e contra o que se podería supoñer, o número de viaxeiros diminúe. “Os datos reflexan que a cidadanía de Vigo non ten un transporte público adecuado”, salientou.

Afán meramente recadatorio 

Iolanda Veloso criticou que “nunha situación así, facer a proposta de eliminar a obriga de rotación na Xer, sen garantir que sempre haxa prazas nestas zonas, o convirte nun sistema meramente recadatorio”. Engadiu neste sentido que “para aparcar pagando xa temos os aparcamentos”.

Para a responsable nacionalista “a modificación puntual da Xer non vai solucionar os problemas de aparcamento de Vigo”, senón que pola contra, ao seu xuízo, só garante que se vai seguir cobrando. “Non queremos que a Xer teña un obxectivo unicamente recadatorio, para iso que non se cobre”, subliñou.

“Se o obxectivo desta proposta é garantir o aparcamento cómodo das persoas que traballan no centro da cidade por que ao alcalde non se lle ocorre modificar o prezo dos aparcamentos públicos”, preguntou Veloso, quen tamén cuestionou por que ao alcalde non se lle ocorre a idea de subvencionar unha liña de autobús para os traballadores e traballadoras do Xeral como se fai con PSA. “Temos que lamentar que o alcalde só teña ideas para temas menos importantes que este”, dixo ao respecto.

Neste sentido a portavoz municipal do BNG puxo un exemplo que amosa claramente que a eliminación da rotación non soluciona o problema de aparcamento: “Se eliminamos a rotación arredor do Xeral para facilitarlle o aparcamento aos traballadores e traballadoras, que pasa coas persoas que acoden para unha consulta externa?”, sinalou.

Perigo do emprego 

Finalmente a nacionalista lembrou que Xabier Alonso tamén preguntou no pleno por que se despediran aos traballadores nocturnos dos aparcamentos públicos, “ao que aínda non temos resposta”, sinalou. Ao respecto do emprego, Iolanda Veloso apuntou que a eliminación da rotación tamén podería supor a eliminación de postos de traballo, ao non precisar do nivel de control que cómpre agora.

“Parece que ás veces o alcalde non oie o que se lle di pero si oie o que non se lle di”, comentou ironicamente a portavoz municipal do BNG.