O Bloque propón que o Concello declare Vigo “cidade libre de eucalipto”

  • Demandan que se poña en marcha un programa de colaboración coas comunidades de montes, dotado con como mínimo 1 millón de euros, para avanzar na substitución de eucalipto por outras especies autóctonas.
  • O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, chama a destinar máis medios e recursos para recuperar e poñer en valor “o verdadeiro pulmón verde da cidade” que son os montes periurbanos.
O Bloque propón que o Concello declare Vigo “cidade libre de eucalipto”

Co gallo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o BNG vén de propoñer que o Concello declare Vigo “cidade libre de eucalipto”. “Trátase dunha especie forestal pirófita, que representa un claro risco ambiental e especialmente en materia incendiaria, tal e como se ten recollido mesmo en sentenzas xudiciais”, xustificou o concelleiro electo do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.

“Esa declaración [de cidade libre de eucalipto] ten que ir parella dun maior esforzo por parte de todas as administracións, en colaboración coas comunidades de montes en man común da nosa cidade, para substituír a presenza de eucaliptos dos montes de Vigo por outras especies”, reclamou. 

Para iso, a fronte nacionalista demanda expresamente a posta en marcha dun programa de colaboración coas comunidades de montes, dotado como mínimo con 1 millón de euros por parte do Concello pero que ten que recibir tamén achegas por parte da Xunta de Galiza como administración responsábel, para axudar no proceso de substitución do eucalipto e para colaborar na reforestación da superficie afectada pola brutal vaga de lumes do 2017.

“A mellor maneira de celebrarmos o Día Mundial do Medio Ambiente é apostarmos en reconciliar a cidade co seu medio natural. E no BNG entendemos que unha das tarefas máis importantes é a posta en valor e a recuperación dos nosos montes, dese verdadeiro pulmón verde que representan os montes periurbanos da cidade”, sostén o edil electo. 

Igrexas urxe tamén a atender o reclamo das propias Comunidades de Montes dun maior apoio público. “Non se trata só de reivindicar a nivel discursivo a defensa do noso medio ambiente, senón que é necesario tomar decisións e despregar esforzos concretos e destinar recursos para facelo unha realidade”, enfatizou.