MARISQUIÑO

O Bloque propón a creación dunha Mesa do Porto de Vigo para facilitar a cooperación institucional

marisquinho

_A fronte nacionalista apela a Autoridade Portuaria, Concello e Xunta de Galiza a abandonar o conflito partidista e sumar esforzos en favor do porto e da cidade.
_Demandan que se realice unha auditoría arquitectónica e de seguranza de todos os espazos portuarios de acceso público na cidade. 

O Bloque propón a creación dunha Mesa do Porto de Vigo para facilitar a cooperación institucional

En medio do conflito aberto entre administracións a respeito do derrubamento do paseo marítimo das Avenidas, durante a derradeira xornada do Marisquiño e que provocou 467 persoas feridas, o BNG exixe a fin “da lea partidista para poñer no centro a atención das vítimas e sumar esforzos para que non volva suceder nada parecido”. 

Para propiciar a cooperación institucional, a fronte nacionalista propón a posta en marcha dunha “Mesa do Porto de Vigo”. “A Mesa do Porto debe ser un espazo para a coordinación entre as diversas administracións e os axentes sociais implicados na vida portuaria e na cidade”, explica Serafín  Otero, responsábel local do BNG. Neste sentido, propoñen que a Mesa estea integrada por representantes da Autoridade Portuaria, Concello de Vigo, Xunta de Galiza, Zona Franca, así como de organizacións sectoriais vinculadas ao Porto (como a Cooperativa de Armadores), a Federación Veciñal, sindicatos, comerciantes, Universidade de Vigo, colectivos de defensa ambiental e a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo. “Fronte ao conflito interesado e partidista é hora do diálogo construtivo e da cooperación en favor do desenvolvemento do Porto e da súa mellor integración urbana”, explica Otero. 

Auditoría dos espazos públicos

O BNG entende que a primeira tarefa da nova Mesa do Porto de Vigo é auditar a nivel arquitectónico e de seguranza o estado de toda  a superficie e instalacións portuarias de acceso público e acordar a súa remodelación. “Despois do sucedido no paseo das Avenidas e do lamentábel estado de conservación do paseo de Bouzas, é urxente actuar antes de ter que volver a lamentar un accidente”, advirten desde a fronte nacionalista. 

Xestión nefasta

Serafín Otero denunciou a “nefasta xestión” que por parte das administracións implicadas se fixo até o momento do accidente do Marisquiño. “467 persoas feridas e as súa familias levan case dúas semanas vendo como as administracións en lugar de implicarse en asistilas e buscar solucións, optaron por un espectáculo lamentábel botando as culpas ao de en fronte”, critica Otero. En opinión do dirixente nacionalista é “incomprensíbel e inaceptábel a demora na posta en marcha da oficina de atención ás vítimas”, situación que non se debe repetir e para o que instan ao goberno municipal a revisar os seus plans e dispositivos de emerxencia. “Diante dun accidente como este a resposta tiña que ser inmediata, as vítimas deben ser o primeiro”. 

O Bloque reitera o seu agradecemento ao traballo dos servizos de emerxencia e persoal sanitario que atendeu as persoas feridas. “Até o momento foron os únicos que estiveron á altura e merecen todo o noso recoñecemento”. En troca, Otero cualificou de “bochornosa” a actuación do Partido Popular ao “utilizar un grave accidente, que por fortuna non acabou en traxedia, para facer campaña”.

Investigación

Así mesmo, Otero volveu exixir a máxima transparencia e unha investigación a fondo , fronte a “opacidade” coa que están actuar Concello de Vigo e Autoridade Portuaria. Así o reclamou o BNG propoñendo nos últimos días a creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galiza. “Temos que saber que pasou e porque pasou. Non só para depurar responsabilidades, senón sobre todo para evitar que volva suceder nada parecido”, defende. 

O Bloque propón a creación dunha Mesa do Porto de Vigo para facilitar a cooperación institucional