Para o BNG Caballero non ten “ningún motivo” para o triunfalismo e denuncia a falta de proxecto de cidade

clbng01
Serafín Otero acompañado por integrantes do Consello Local do BNG de Vigo

A fronte nacionalista defende que Vigo necesita un “novo impulso” e reivindica que cando o BNG foi decisivo, no goberno ou na oposición, a cidade avanzou.

Para o BNG Caballero non ten “ningún motivo” para o triunfalismo e denuncia a falta de proxecto de cidade

“Non hai ningún motivo para o triunfalismo. A acción do goberno municipal nos últimos anos está definida por unha xestión moi mellorábel, a inercia e a falla dun proxecto de cidade”, desta maneira retruca o BNG, por boca do seu responsábel local, Serafín Otero, a valoración feita por  Abel Caballero dos seus once anos como rexedor. “Se descontamos a propaganda, os grandes anuncios e o discurso fácil, vemos como na cidade segue a haber moitos problemas por resolver, moitas necesidades veciñais sen ser atendidas”, critican desde a fronte nacionalista. “O único proxecto que ten Abel Caballero para a cidade é que titular vai dar cada día”, acrecenta Otero.

Malia recoñecer que existen elementos positivos como o impulso ás humanizacións, o Bloque lamenta que a pesar do enorme investimento desembolsado os barrios e as parroquias continúen abandonadas. Ademais, critican a ausencia total de políticas culturais e deportivas, que foron no seu momento punteiras. “A concepción que ten o actual goberno da cultura e do deporte resúmese en dúas imaxes: no lamentábel estado das pistas de atletismo e no centro de fotografía fechado”, resumen. Aliás, o BNG critica as graves insuficiencias en materias como a política social nunha cidade con “60 mil persoas en risco de exclusión segundo datos oficiais”, o estancamento das políticas de promoción do emprego e a inercia nun ámbito tan sensíbel como é a igualdade. 

Por outra parte, xulgan “moi preocupante” que o Concello teña abandonado absolutamente o seu papel na normalización do uso social do galego e mesmo teña pasado a ser un axente que “afoga a lingua propia do noso país”. A situación de abandono do  Río Lagares ou a falla de intervención para a recuperación do litoral e a posta en valor do cinturón forestal da cidade, evidencian para o Bloque a ausencia dun compromiso real cunha cidade sostíbel e verde. A falla de aposta por mellorar substancialmente o transporte colectivo ten suposto frear os avances que se tiñan producido cara a un modelo urbano de cidade inclusivo, aberto e máis habitábel. 

Impulso

“O que hoxe se fai evidente é que a cidade necesita dun novo impulso”, advirte Serafín Otero. A este respeito apunta que estes últimos tres anos evidenciaron tamén non só a febleza do goberno se non a “falla dunha alternativa real na oposición no Pleno”. “Poderá coincidirse ou non coas posicións do BNG, pero o que ninguén pode negar é que cando o BNG estaba presente e o seu peso era determinante na Corporación Municipal, tanto no goberno como na oposición, a cidade avanzou” reivindicou Otero valorizando que a formación nacionalista sempre achegou “propostas en positivo e alternativas concretas para as necesidades reais da veciñanza de Vigo”. Aliás, puxo en valor que unha parte importante dos avances que se produciron desde 2007 foron consecuencia directa da acción do propio BNG. “Non habería Plan Municipal de  Emprego, nin cheque social, nin Pinacoteca, por citar só algúns exemplos de importancia, de non ser polo impulso e o voto decisivo do BNG”, remachou. 

Ese impulso para as nacionalistas pasa tamén por afirmar en positivo o proxecto de cidade. “Queremos que Vigo avance non en contra de nada nin de ninguén, senón en favor da súa veciñanza”, explican. Neste sentido, lamentan que a cidade teña perdido peso político e oportunidades polo “continuado enfrontamento partidista” entre PSOE e PP, “utilizando Concello e Xunta como se foran a súa leira particular e esquecendo que o importante son as viguesas e os vigueses”. 

O Bloque aposta claramente polo diálogo, tanto con outras institucións como, e sobre todo, cos movementos sociais para articular un esforzo conxunto que permita dar solucións efectivas aos problemas, necesidades e reptos de futuro que encara a cidade. “Non se pode gobernar desde a xordeira nin con tics autoritarios. Unha cidade como Vigo non cabe na talla dun ego persoal por máis grande que sexa. Hai que dialogar para sumar”, enfatizan.

Para o BNG Caballero non ten “ningún motivo” para o triunfalismo e denuncia a falta de proxecto de cidade