O BNG cualifica de “indecente” que se multe a quen aparque nos accesos do hospital mentres non haxa aparcadoiro gratuíto

aparcadoiroHAC vigoé
[Imaxe: Vigoé]

_Critican que o Goberno municipal tardase en licitar o aparcamento 14 meses, despois de anunciar en setembro do ano pasado que sería "cuestión de semanas".

_A fronte nacionalista presentará mañá, terza feira, en rolda de prensa unha proposta para mellorar a conexión por autobús co Álvaro Cunqueiro.

O BNG cualifica de “indecente” que se multe a quen aparque nos accesos do hospital mentres non haxa aparcadoiro gratuíto

VIGO, 7 de novembro de 2016.-  Para o BNG de Vigo resulta unha “manifesta inxustiza” que se comece a sancionar agora ás persoas usuarias que estacionan nos viais de acceso ao novo hospital. Desde a fronte nacionalista cualifican de “indecente” que se sancione mentres non se dispón dun aparcadoiro gratuíto. “Acudir ao hospital non é lecer, non se fai por vicio, é unha necesidade. A xente ten que chegar por algún medio e non todo o mundo se pode permitir os custes dese parking de luxo”, argumentan.

A este respeito o responsábel local do BNG, Serafín Otero, lembra que Abel Caballero anunciou o 17 de setembro do ano pasado que o Concello habilitaría 500 prazas de aparcamento gratuíto. Unhas obras que segundo o rexedor serían “cuestión de semanas”, e que máis dun ano despois inda non se iniciaron. Para Otero, que o goberno municipal licite agora, 14 meses despois do anuncio, as obras e que estas vaian demorarse como mínimo outros seis meses, pon en evidencia a súa incapacidade e falla de xestión.

Ademais, Otero lembrou que a apertura do Álvaro Cunqueiro, baixo o seu actual modelo privatizado, sen os servizos e equipamentos que precisaba e incluíndo un aparcadoiro de pago a prezos privativos, foi posíbel grazas ao acordo entre o PSOE e o PP para sacar adiante uns orzamentos municipais. “Caballero traizoou á cidade, asumindo as acometidas que permitiron a apertura do HAC. Unhas acometidas que durante anos negou que tivese que facer o Concello. Fíxoo a cambio do apoio do PP a unhas contas municipais que o BNG rexeitaramos por antisociais”, referiu o dirixente nacionalista.

Solucións

Desde o BNG urxen ao Concello á axilizar ao máximo a execución do aparcamento licitado. “Sería inaceptábel chegarmos de novo ao outono do ano próximo nesta situación”, advirten. No entanto, o Bloque considera que esta medida non resolve o problema de fondo, e reitera a necesidade de rescatar a actual concesión para asegurar que a área sanitaria de Vigo dispoña dun hospital cento por cento público, que inclúa un aparcadoiro de balde.

A fronte nacionalista inscribe a cuestión do aparcadoiro nun problema de maior calado, que atinxe á “pésima conexión do novo hospital”, cun insuficiente servizo de autobús. Para reverter esta situación a fronte nacionalista presentará mañá, terza feira, en rolda de prensa unha proposta-base para a mellora da conexión co HAC, en cuxa elaboración contarán coa participación do movemento veciñal.

O BNG cualifica de “indecente” que se multe a quen aparque nos accesos do hospital mentres non haxa aparcadoiro gratuíto