O BNG demanda unha fiscalidade municipal “socialmente xusta” en Vigo

As alegacións presentadas pola fronte nacionalista ás ordenanzas fiscais do ano 2019 avanzan na “progresividade”, para reducir o esforzo fiscal das familias con menores recursos.

Demandan, entre outros, a gratuídade do autobús para persoas desempregadas e sen ingresos, facilidades no aprazamento e pago aprazado das taxas, a modificación do recibo de auga, e que se bonifique o 95% do IBI á Universidade e aos locais de entidades sen ánimo de lucro.

O BNG demanda unha fiscalidade municipal “socialmente xusta” en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego presentou un total de 24 alegacións, entre reclamacións e suxestións, ás ordenanzas fiscais e prezos públicos do Concello de Vigo para o exercicio 2019, que foron aprobadas inicialmente o pasado 5 de setembro. As alegacións nacionalistas propoñen a aplicación de fórmulas legalmente previstas, como as bonificacións, os aprazamentos e as exencións, para avanzar cara a unha fiscalidade municipal “socialmente xusta”. “Nunha cidade con máis de 23 mil persoas sen emprego e máis de 60 mil en risco de pobreza e exclusión, os impostos e as taxas municipais teñen que ir gañando en progresividade, para reducir o esforzo fiscal de quen menos pode”, defendeu o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

As alegacións da fronte nacionalista demandan a eliminación do cobro de xuros cando se aprace ou fraccione o pago das taxas, propón elevar os importes per cápita para a aplicación de exencións e bonificacións ao 50% do salario mínimo (75% no caso das familias numerosas) ou alargar até 36 meses o fraccionamento de débedas non superiores a 9 mil euros para rendas baixas. No relativo ao IBI, o Bloque volve demandar que se aplique a todos os edificios propiedade da igrexa católica que non estean exentos, que se aplique unha bonificación do 95% dese imposto á Universidade de Vigo e aos locais de entidades sen ánimo de lucro que se destinen a actividades de carácter social. Por outra parte, e co obxectivo de estimular a oferta de alugueiro social, o BNG propón aplicar un recargo do 50% do IBI ás vivendas que fiquen desocupadas durante máis de 24 meses e que non sexan ofertadas nalgún programa público.

En relación ao recibo da auga, as nacionalistas volven exixir unha novo sistema de tarificación do consumo de auga en base ao consumo real, e que fiquen exentas as familias de escasos recursos ou perceptoras da RISGA, para asegurar o seu acceso a un ben público esencial. A respeito da taxa pola recollida do lixo demandan que se bonifique tamén ás persoas con discapacidade superior ao 65%, e que se reduza nun 5% o recibo para os estabelecementos comerciais de menos de 50m2 de superficie e nun 30% para aquelas persoas ou actividades que teñan alternativas de compostaxe para a o lixo orgánico. 
 
A formación nacionalista propón o aumento do 100% en todas as categorías da tarifa que grava a instalación de caixeiros automáticos adosados a edificios e que ocupen vía pública. Tamén sob unha lóxica de progresividade fiscal, demandan unha suba do 15% do Imposto sobre Actividades Económicas que só teñen que pagar as empresas cunha cifra de negocios nega superior a un millón de euros anual. 

No relativo ás taxas de centro de día, escolas infantís ou ensinanzas especiais, demandan que se aplique unha exención da taxa para ingresos brutos anuais por debaixo do 85% do salario mínimo. Propoñen tamén a gratuidade do acceso ao Verbum a persoas xubiladas, pensionistas, desempregadas e discapacitadas, así como aos menores de 14 anos ao seu cargo.  

En canto ás taxas por licenzas de actividade e instalacións, as nacionalistas formulan unha redución do 10% nas taxas aos locais cunha superficie de até 500 metros cadrados e un aumento do 10% aos que a superen. Aliás, instan a que a cualificación de “proxecto empresarial de interese municipal”, que permite a aplicación de bonificacións, sexa acordada polo Pleno e non pola Xunta de Goberno. 

Por último, no tocante ás tarifas do billete do transporte urbano, o Bloque pide a conxelación do prezo do billete ordinario e de todos os bonos. Ademais, volven demandar que se equipare o prezo do bono social ao do bono universitario (0,67 euros), que se eleve o tope para ser beneficiaria do bono pensionista II ao 120% do salario mínimo (para aproximarse ao importe da pensión media), e a creación dun bono social II que faga gratuíto o autobús para persoas desempregadas de longa duración e persoas perceptoras de pensións non contributivas ou sen pensión.