O BNG denuncia o abandono do parque da Bouza e demanda que o Concello actúe de inmediato

[Imaxes: Páxina Facebook "Parque da Bouza"]
[Imaxes: Páxina Facebook "Parque da Bouza"]
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas pide que se atendan as peticións da veciñanza que levan semanas alertando da abundancia de lixo e do aumento na presenza de ratas e ratos. 
  • A fronte nacionalista chama ao Goberno municipal a deixar a “política aparencial” de grandes anuncios e na que o único “que brilla, pola súa ausencia, é o mantemento”. 
O BNG denuncia o abandono do parque da Bouza e demanda que o Concello actúe de inmediato

Parque da  BouzaO Bloque Nacionalista Galego recollendo as denuncias veciñais que desde hai bastantes semanas alertan do abandono do parque da Bouza, demandou esta mañá que o Goberno municipal de Vigo actúe de inmediato. 

O concelleiro Xabier P. Igrexas criticou a falla de mantemento e limpeza do parque que se traduce na existencia de abundante lixo, a ausencia de papeleiras, pólas de árbores rotas e sen retirar, a presenza de cristais nas proximidades de áreas de xogo de crianzas. Igrexas cualificou de especialmente grave a denuncia da veciñanza dunha cada vez maior presenza de “ratas e ratos no parque”, moi probabelmente a causa da falla de limpeza, o que supón un problema de hixiene e de saúde pública. 

Falla de mantemento

“Para o BNG a situación do parque da Bouza é a evidencia da falla de xestión municipal. “Temos un Goberno municipal afeito a prometer novas actuacións, a deslumbrar con infografías, a ocupar titulares con anuncios de novos proxectos, pero desde logo o que brilla pola súa ausencia é o mantemento, a atención, a limpeza e o bo estado de espazos como o parque da Bouza”, reprochou o edil nacionalista. 

Igrexas cualificou a Bouza como “un espazo privilexiado” e lembrou que foi unha “grande conquista veciñal para ese barrio, cunha valiosa zona verde co seu humidal, e cun espazo de esparcemento, que o configura como un grande pulmón verde para a súa contorna”. Emporiso, a fronte nacionalista esixe que o Goberno municipal “deixe a política aparencial e de anuncios e que pase á política dos feitos, e que se traduzan no mellor mantemento de parques como o da Bouza”.